Dúas rechamantes fugas de condutores temerarios na zona do Salnés acaban en denuncia
Por Redacción
A Garda Civil abortou nos últimos días dous rechamantes casos de fuga protagonizados por veciños do Salnés que conduciron de forma temeraria por distintas estradas da comarca para tentar evitar aos axentes.
Durante a tarde do luns, unha patrulla do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra abortou a primeira fuga tras unha manobra irregular dun turismo á altura do Km, 8,500 da estrada PO-550, no municipio de Meaño. Cando a patrulla tentou interceptalo utilizando os sinais acústicos e luminosos do vehículo oficial, o condutor deuse á fuga circulando a gran velocidade por camiños forestais da zona.
O condutor circulou a gran velocidade por unha zona con evidente risco de colisión co arboledo e logrou distanciarse e poñerse fose do alcance da patrulla despois de preto de media hora de persecución.
Finalmente, foi localizado horas despois e identificado. Trátase dun veciño de Cambados de 23 anos que carecía do preceptivo permiso de conducir. Ademais, o vehículo levaba dous anos sen seguro e sen pasar a ITV.
O incidente non acabou con este condutor denunciado. No momento no que o mozo estaba a ser notificado como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, chegou o seu pai conducindo outro vehículo, tamén sen ITV, cunha taxa de alcol en aire expirado que duplicaba a máxima permitida, polo que foi denunciado igualmente.
A segunda fuga protagonizouna un veciño de Vilagarcía ás 7.30 horas da madrugada do martes. Circulaba á altura do quilómetros 5,500, da estrada PO-549 en Vilanova de Arousa.
O condutor desobedeceu os sinais de alto doutra patrulla de Tráfico e emprendeu a fuxida a gran velocidade ata chegar ao centro urbano de Vilagarcía. Alí causou unha especial alarma entre os peóns pola súa temeraria forma de conducir, mesmo por algunha rúa en sentido contrario ao permitido, polas beirarrúas e sen respectar os sinais de circulación.
Pouco despois, abandonou o centro urbano de Vilagarcía e penetrouse nas pistas forestais do monte Xiabre, onde sufriu un impacto que provocou a perda de aceite e potencia do vehículo, circunstancia que aproveitou a patrulla para bloquear a súa traxectoria e proceder á súa detención.
Trátase dun veciño de Vilagarcía de 30 anos que está acusado e investigado polo xulgado por un presunto delito contra a seguridade viaria. Atribúeselle unha condución temeraria na que puxo en evidente e grave perigo aos veciños de Vilagarcía ao seu paso polo centro urbano e aos ocupantes do seu vehículo e desobedeceu de forma grave e reiterada os sinais dos axentes cando tentaron interceptalo.
Ademais, deu positivo na proba de alcoholemia.