A Rede Ágora repartirá outros 1,96 millóns para recuperar espazos públicos e crear sendas peonís
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través da área de Mobilidade e Espazo Público, quere seguir a impulsar a recuperación do espazo público para as persoas gañándollo aos coches. Con ese obxectivo acábanse de aprobar as subvencións para a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos e creación de sendas peonís nos concellos da Rede Ágora’, que nesta segunda edición ascenden a 1.960.000 euros.
Segundo explica o deputado Uxío Benítez, a finalidade da convocatoria é impulsar a redacción de proxectos de recuperación de espazos públicos no ámbito municipal para devolvérllelos ás persoas, así como a creación de sendas peonís para permitir a implantación de formas de desprazamento máis sostibles.
Os destinatarios serán os 54 concellos adheridos á rede Ágora de menos de 50.000 habitantes, que verán subvencionado o 90 % do custe de redacción dos proxectos, ata un máximo de 50.000 euros por concello, por un montante total de 1,96 millóns de euros.
O responsable da área de Mobilidade e Espazo Público sinala que no caso de que o crédito disposto non alcance para subvencionar todos os proxectos presentados que cumpran os requisitos, a Deputación resérvase o dereito de incrementar a dotación orzamentaria. Pola contra, en caso de que non se consuma a totalidade do crédito, poderá abrirse un novo prazo de solicitudes ao que se poderán presentar tanto concellos que non o fixeran na primeira convocatoria como os que xa o fixeran, poñéndose a disposición de cada un deles de novo outros 50.000 euros como máximo.
As subvencións desta segunda convocatoria contemplan dúas casuísticas, sempre subvencionando a elaboración de proxectos e non de obras. A primeira é a redacción de proxectos de recuperación de espazos que actualmente están ocupados por tráfico a motor para devolvérllelos ás persoas. A segunda supón unha novidade: proxectos para a creación ou mellora de espazos segregados para a circulación peonil e ciclista, é dicir, para sendas peonís ou ciclistas anexas a vías existentes que non contan na actualidade con espazos adecuados para este tipo de desprazamentos.
No caso de recuperación de espazos, o proxecto debe supoñer un incremento mínimo do espazo peonil no ámbito de actuación dun 50 % con respecto ao existente na actualidade, e os espazos gañados para as e os peóns deberán ter unha superficie mínima de 300 metros cadrados. No caso de creación ou mellora dun espazo segregado de circulación peonil e/ou ciclista onde non existía un espazo adecuado para este tipo de mobilidades o itinerario peonil deberá ter unha superficie mínima de 100 metros e un ancho mínimo de 2,5 metros. Finalmente, o proxecto pode combinar as dúas casuísticas seguindo os criterios establecidos nas bases.
O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días hábiles contados dende o día seguinte a publicación no BOPPO, tendo que presentar unha estimación do gasto de redacción do proxecto e unha memoria explicativa que inclúa o título do proxecto, resumo, obxecto e ámbito de actuación, e un plano ou bosquexo explicativo das liñas xerais das actuacións que se pretenden proxectar.
As subvencións Ágora de 2022 veñen completar as axudas do pasado exercicio, que chegaron a 39 concellos da provincia. Segundo explicou o deputado Benítez, repartíronse 2,2 millóns de euros, 1.550.000 euros entre 31 concellos que solicitaron subvencións no Eixo 1 -para redactar proxectos-, recibindo cada un 50.000 euros; e 666.682,9 euros no Eixo 2 -de execución de obras-, con montantes de ata 100.000 euros.
Benítez lembrou que a Deputación creou Ágora, unha rede de acción institucional cos concellos da provincia, para valorizar o espazo público como un dereito fundamental das persoas e co obxectivo de poñer en marcha políticas de recuperación do espazo público e de obter resultados cuantitativos de cara a 2023. Para iso, explicou, puxéronse en marcha diversas iniciativas como a Facultade Ágora de formación técnica, o asesoramento aos concellos, e tamén as subvencións, para incentivar a redacción de proxectos seguindo as filosofías de poñer ás “persoas primeiro”.
Relacionadas:
-
750.000 euros de subvencións Ágora irán destinados a gañar espazo público e crear novas sendas peonís
Por Redacción |
-
Novo curso da Facultade Ágora na procura de mellorar o deseño urbano máis aló de Pontevedra
Por Redacción |
-
As axudas Ágora recuperaron terreos de espazo público para as persoas equivalentes a dez campos de fútbol
Por Anxo Lourido |
-
Regresa a Facultade Ágora coa intención de se converter no Laboratorio I+D+i do espazo público
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Premios #FotoÁgora, unha filosofía sobre o espazo público resumida en imaxes
Por Noticia patrocinada |
-
A reforma converte á Praza de San Amaro nun espazo "para quedar"
Por Redacción |