Detido un home por incendiar o vehículo dun veciño de Ribadumia
Por Redacción
Axentes da Garda Civil detiveron este mércores un home de 49 anos de idade sen antecedentes como presunto autor do incendio intencionado dun vehículo en Ribadumia.
Os feitos sucederon sobre as 6,00 horas deste mércores cando o individuo verteu gasolina sobre o vehículo tras subir o dono, quen puido abandonalo antes de que lle prendese lume, polo que non resultou ferido.
Foi a intervención de varios veciños do edificio a que evitou que se propagasen as chamas.
Estes veciños extinguiron o lume usando extintores, de modo que os bombeiros do parque do Salnés apenas tiveron que intervir.
O vehículo resultou danado nunha porta e unha aleta.
A Garda Civil atribuíu o suceso aos problemas psiquiátricos que padece o suposto agresor.