Fenosa intensifica as súas actuacións contra as conexións ilegais
Por Redacción
Unión Fenosa Distribución (UFD), a distribuidora eléctrica do grupo Naturgy, intensificou a súa ofensiva contra a fraude eléctrica en Galicia, co obxectivo de "previr o risco que supoñen as conexións ilegais para a seguridade das persoas, e para reducir o custo para o sistema eléctrico que, segundo a regulación vixente, asumen o resto dos clientes a través da súa factura".
Segundo Fenosa, "este tipo de actuacións ilegais poden provocar incendios e outro tipo de accidentes, e poñen en risco tanto á persoa que as realiza, como ás que conviven con ela e aos seus veciños".
A compañía está inmersa nun plan para detectar e desconectar conexións fraudulentas e manipulacións de contadores na Comunidade, e especialmente na provincia de Pontevedra. Desde xaneiro de 2021, UFD realizou na provincia de Pontevedra máis de 7.800 actuacións, un 27% da cales corresponden ao que levamos deste ano.
Así mesmo, a fraude eléctrica representa un quebranto económico para o sistema eléctrico, xa que o custo da enerxía defraudada recae no conxunto dos usuarios, segundo a regulación vixente. A repercusión desta fraude en Galicia representa máis de 93 millóns de euros ao ano, o que supón unha media de 55 euros anuais por cada cliente que si cumpre coas súas obrigacións de pago da enerxía que consomen.
As conexións fraudulentas á rede de UFD creceron un 28% entre 2008 e 2013, tras a irrupción da crise económica, e desde o inicio da pandemia, en marzo de 2020, esta práctica aumentou un 7,5%, un ritmo aínda máis elevado que en período citado.
Desde UFD tamén sinala que ademais do grave perigo e o prexuízo económico que entraña esta práctica, tamén incide negativamente na calidade e continuidade da subministración dos clientes conectados legalmente.
A manipulación irregular das instalacións eléctricas constitúe un delito recolleito no artigo 255 do Código penal. A lexislación establece que as empresas distribuidoras teñen a función de detectar e poñer en coñecemento das autoridades e os clientes as situacións de fraude na rede e nos equipos de medida, e habilítaas a interromper a subministración cando detecten situacións anómalas.
Relacionadas:
-
Fenosa soterrará a liña de alta tensión entre Mourente e Lusquiños
Por Alejandro Espiño |
-
Fenosa inviste 200.000 euros en mellorar o seu servizo en Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
Unión Fenosa e Gas Natural, condenadas por conduta abusiva polas facturas da luz baseadas en consumo estimado
Por Natalia Puga |