A cafetería Moi Bo posiciónase como o mellor lugar de almorzos da cidade
Por Manu Otero
O menú 'Quedei como un pepe', servido pola cafetería Moi Bo da rúa Michelena e composto por café, infusión ou colacao, zume de froitas, mini croissant e un petisco salgado de xamón serrano, aguacate, queixo, tomate e aceite de oliva, é o Mellor Almorzo de Pontevedra. Así o elixiu a cidadanía pontevedresa que participou no certame gastronómico Ponte Almorzo ao outorgar 627 votos e 3.050 puntos á proposta do Moi Bo.
Completan o podio, La Buena Vida (Blanco Porto, 4), e Cafetería Sonata (Peregrina, 66). Ademais, o 'Homenaje' de Vía Nai (Isabel II, 22) foi merecedor dunha mención especial da Asociación de Celíacos de Galicia (Acega) ao Mellor Almorzo Libre de Glute.
Os galardóns foron entregados este xoves diante da sede de Turismo de Pontevedra (Casa Consistorial) nun acto que estivo presidido polos concelleiros socialistas Yoya Blanco e Iván Puentes e que contou coa presenza da secretaria de Acega, Pilar Vence; o presidente de Hoempo, Daniel Lorenzo; o vicepresidente do colectivo, Rafael Rúa, e o seu secretario, Antonio Fernández. Recolleron os premios Vanesa Palacios (Moi Bo), Chicho Barragáns (La Buena Vida), Gloria Serrano (Sonata) e Mercedes Murga (Vía Nai), que o recibiu de mans de Pilar Vence.
O certame pechouse con 3.322 almorzos vendidos, que se traduciron en 13.288 euros para os bares e cafeterías da Boa Vila.
O acto tamén serviu para dar a coñecer, grazas á 'man inocente' dunha muller que pasaba polo lugar, os nomes dos gañadores dos tres premios de 100 euros para gastar nos locais participantes sorteados entre o público que depositou as súas valoracións nas urnas instaladas nos 19 bares e cafeterías inscritos.
Yoya Blanco salientou "o absoluto éxito deste primeiro Ponte Almorzo, tanto polo elevado número de establecementos implicados e a enorme calidade dos menús presentados como pola resposta da cidadanía pontevedresa". O certame foi organizado no marco do proxecto Pontevedra Capital Gastro co obxectivo de poñer en valor, promocionar e dinamizar o traballo dos establecementos de hostalería que ofrecen almorzos a diario.
Relacionadas:
-
Porto convida a cociñeiros pontevedreses á inauguración do reformado Mercado do Bolhão
Por Redacción |
-
'Pontevedra, Cidade de Moda' exhibe nas rúas os deseños das tendas locais
Por Redacción |
-
19 bares e cafeterías aspiran a ofrecer o 'Mellor Almorzo de Pontevedra'
Por Diana Eiras & Redacción |
-
Que establecementos compiten na primeira edición de PonteAlmorzo?
Por Redacción |