O futuro do estanque do Paseo das Palmeiras: De refuxio para patos a circuíto para barcos de radiocontrol
Por Manu Otero
O estanque do Paseo das Palmeiras loce nova imaxe e moi pronto terá novos usos. O responsable da concellería de Desenvolvemento Sostíbel e Medio Natural, Iván Puentes, visitou este xoves o lugar para supervisar o estado final dos traballos que consistiron na mellora paisaxística, así como a limpeza e axardinamento do perímetro.
Acompañado por Yoya Blanco, Puentes explicou que a intervención contou cun orzamento de 5.000 euros e incluíron a instalación dun novo sistema de rega e a plantación de especies vexetais adecuadas para zonas acuáticas.
Pero o máis rechamante e que poñerá a guinda ao proxecto de mellora do estanque pasa pola reposición dunha ducia de ras de bronce que presidían a zona exterior do estanque e que acabaron rotas ou subtraídas. Así mesmo, o departamento que dirixe Iván Puentes estuda a contratación dun servizo de barcos teledirixidos do que poidan gozar as familias. "O noso obxectivo é que este estanque recupere o seu esplendor e o lugar histórico que lle corresponde", anunciouo socialista
As obras executadas anteriormente, que supuxeron un investimento superior aos 12.000 euros, permitiron a instalación dun dobre sistema de filtrado que facilitan o control automático dos niveis de cloro da auga e a súa esterilización mediante un tratamento con luz de raios ultravioleta, o que garante que estea nas mellores condicións de calidade e salubridade.
Relacionadas:
-
Os xardineiros municipais denuncian os recorrentes roubos de plantas e flores na Alameda
Por Redacción |
-
Trazan un plan para protexer os catro cedros do Himalaia que hai nas Palmeiras
Por Redacción |
-
O Concello atalla as queixas sobre o paseo das Palmeiras cunha campaña de limpeza
Por Manu Otero |
-
A longa noite do paseo das Palmeiras
Por Manu Otero |