Case vinte novas sociedades mercantís naceron en Poio no que vai de ano
Por Redacción
A actividade produtiva de Poio parece estar repuntando. Así o reflicte o aumento de sociedades mercantís creadas no municipio no que vai de ano, segundo os datos recollidos no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME).
Entre os meses de xaneiro e abril, fundáronse un total de 17 entidades deste tipo. Foron sete en xaneiro, unha en febreiro, cinco en marzo e catro en abril.
Só Sanxenxo con 25 e Barro con 18 melloran esta cifra na contorna. O rexistro está moi afastado do acadado por outros concellos como Cerdedo-Cotobade (6), Ponte Caldelas (4), Vilaboa (4) ou nas proximidades, como é o caso de Marín ou O Grove, ambos con 6.
O concelleiro de Promoción Económica, Gregorio Agís, destaca que estes son números "que nos fan ser optimistas e que amosan un crecemento de actividade esperanzador", tras o golpe que supuxo a pandemia da covid-19.
A tendencia que se está a marcar no que vai ano indica, segundo Agís, que "se se mantén este ritmo estariamos en disposición de superar os rexistros do ano 2021", mellorando as 34 entidades que se deron de alta nun mesmo ano en 2014 e en 2017.
"Hai que darlle valor a este contexto, tendo en conta que en Poio a día de hoxe seguimos sen poder contar co desenvolvemento do polígono empresarial de Fragamoreira", recordou o concelleiro socialista, que reclamou que a Xunta de Galicia "mova ficha" para desbloquealo.
Desde o Concello, afirma o responsable municipal, "seguimos a traballar para que o polígono sexa industrial, pero a nosa capacidade de manobra é limitada, sobre todo se o goberno autonómico continúa sen asumir as súas competencias".