A Caeira prepara as súas primeiras hortas urbanas
Por Redacción
O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, acompañado por técnicos municipais e polas responsables das áreas de Seguridade Cidadá e Cultura e Educación, as tamén nacionalistas Marga Caldas e Raquel Rodríguez, visitou ao longo desta semana A Caeira para pasar revista a unha das parcelas na que o Concello de Poio quere habilitar hortas urbanas.
É un espazo que na actualidade é utilizado por un grupo de residentes para cultivar, pero a idea do goberno local é "aumentar este tipo de espazos no municipio e que conten con todo o equipamento necesario para poder consolidar este tipo de hortas, dando así resposta a unha demanda veciñal", explicou.
Esta posta a punto das hortas é unha das actuacións "prioritarias" do Concello dentro da campaña Poio en Verde, que consiste en consolidar a recuperación de espazos ao aire libre, ao mesmo tempo que o fan as actividades sustentables para toda a cidadanía.
Con estas hortas "mellórase a calidade de vida dos usuarios e usuarias", recalcou Martínez Blanco, ao tempo que anunciou que "proximamente comezará a instalarse un peche deste espazo, ao mesmo tempo que se lle dotará con tomas de auga".
Por último, a Concellería de Medio Ambiente aposta tamén pola xestión de concesións, de xeito que se poida garantir unha utilización rotatoria entre todas as persoas interesadas.
Ademais, a administración local "xa está a buscar novos emprazamentos para a ampliación deste tipo de hortas", ao tempo que organizarán charlas para a veciñanza e actividades nos centros educativos para dar a coñecer os beneficios desta práctica.