Vagas de calor e precipitacións extremas, as ameazas do cambio climático sobre o marisqueo
Por Redacción
Un estudo elaborado polas tres universidades galegas que analizou, entre outros espazos, as áreas de marisqueo de Cambados e Campelo (Poio), vén de identificar as principais ameazas que o cambio climático pode ter sobre esta actividade económica.
Así, esta investigación publicada na revista Frontiers of Marine Science alerta do impacto que terán nos bancos marisqueiros das Rías Baixas as vagas de calor cada vez máis frecuentes e intensas ou as precipitacións extremas que modificarán a salinidade das augas das rías.
Isto provocará, segundo os investigadores, efectos que levarán á perda de biodiversidade mariña e a alteración dos ecosistemas.
A costa galega, especialmente as Rías Baixas, destaca por acoller unha das pesqueiras de bivalvos máis importante de Europa en termos de capturas e emprego, así como pola súa gran relevancia socio-económica na contorna.
Especies como as ameixas babosa, fina e xaponesa ou o berberecho son algunhas das máis notables nesta actividade, exposta a importantes variacións espazo-temporais nas capturas por mor das flutuacións nas condicións causadas polos cambios de temperatura ou salinidade.
Segundo os estudos que se realizaron, os efectos do cambio climático poden aumentar o estrés nestes ecosistemas e levar aos límites da tolerancia a estas especies en factores como a reprodución e o crecemento.
Isto xeraría, conclúen os autores do estudo, problemas de recrutamento ou retrasos no tempo requirido para obter tallas comerciais, co conseguinte descenso de abundancia destas especies.
Ademais, o aumento do nivel do mar podería causar o asolagamento dalgúns leitos intermareais, e as vagas de calor extrema no verán afectarán tamén ás condicións laborais das mariscadoras.
Entre outros resultados, o traballo demostra que unha menor experiencia na actividade e un menor compromiso na participación das agrupacións marisqueiras tenden tamén a incrementar os riscos de vulnerabilidade económica.
O artigo tamén advirte que o sector está afrontando a ausencia dun relevo xeracional para traballar no marisqueo e asegurar non só beneficios, traballo e presenza de poboación nova en comunidades costeiras, senón tamén para reter o coñecemento tradicional e memoria socio-ecolóxica de prácticas asociadas, experiencia e valores culturais.
Esta elevada vulnerabilidade nas persoas con menor experiencia pode disuadir á xente máis nova de incorporarse ao sector, polo que o estudo recomenda que as administracións deben dar prioridade os incentivos económicos cara á incorporación de xente nova para manter o sector vivo e fixar poboación nestas áreas costeiras.
Con todo, os resultados tamén amosan que o sector marisqueiro en Galicia xa desenvolveu un amplo rango de estratexias de adaptación, como son a colleita de especies de alto valor comercial e de maior abundancia nos bancos marisqueiros.
As mariscadoras tamén se adaptaron á situación reducindo os gastos domésticos e complementando os ingresos con outros traballos formais e informais para compensar as perdas económicas.
Baseándose nestas accións, o traballo recomenda poñer o foco en aspectos clave como a mellora das relacións sociais dentro das agrupacións, fomentar unha maior conciencia sobre as ameazas do cambio climático, o impulso de novas habilidades e a participación do sector nos plans de adaptación e resiliencia.