Éxito rotundo da Festa do Codillo, que esgotou as racións a pesar do mal tempo
Por Redacción
A intensa chuvia que caeu na Lama este domingo non desluciu a Festa do Codillo. Un milleiro de comensais deron boa conta de todas as racións postas a disposición do público.
A perfecta organización do evento permitiu que se serviran aos comensais as mil racións, preparadas por Cátering Arelas, nun tempo récord de 50 minutos.
A venda anticipada de tickets fixo que a inmensa maioría dos comensais que se deron cita no evento dispuxesen xa da entrada que lles daba dereito a unha ración de codillo estofado acompañada do prato conmemorativo de barro, os cubertos, pan, servilleta e viño a demanda.
Desta maneira, evitouse que se formaran grandes colas, de xeito que a organización puidese despachar ao mesmo tempo a máis persoas que se achegaban coa súa entrada xa abonada previamente para poder retirar a súa correspondente ración.
A inestabilidade do tempo atmosférico non evitou a afluencia masiva de persoas a este evento non só por parte de veciños do municipio da Lama senón de gran número de visitantes de toda a provincia que converten a esta festa gastronómica nunha das máis concorridas da comarca.
Tamén os establecementos hostaleiros situados nas inmediacións da Alameda da Lama serviron codillo estofado que gozou do aprezo do público que preferiu escoller estes locais para participar na festa gastronómica.
Ademais, estivo funcionando a pleno rendemento un bar ambulante, un pulpeiro e o público abarrotou os postos de empanadas, delicatessen, filloas e outros produtos galegos de calidade e de repostería que saciaron a demanda dos asistentes
Os asistentes tamén puderon achegarse na propia Alameda ata a Mostra de Produtos da Terra e mercar queixo, mel, embutido, postres caseiros, produtos da horta ou froita.
A xornada gastronómica estivo amenizada pola música da Banda Municipal da Lama e Os Encerellados, que animaron o evento co seu humor e o seu ritmo.
Relacionadas:
-
Vendidos xa medio milleiro de tíckets para a Festa do Codillo deste domingo
Por Redacción |
-
O codillo estofado con guarnición será o protagonista da XX edición da festa da Lama
Por Redacción |
-
Volven as festas gastronómicas á Lama e chegan con rebaixas: o codillo pasa de 12 a 10 euros
Por Redacción |