Pontevedra, destino recomendado por National Geographic para visitar e "esquecerte do coche"
Por Alejandro Espiño
No seu último número, a revista National Geographic propón "dez destinos onde podes esquecerte do coche este verán". E un deles é a cidade de Pontevedra.
O artigo, publicado na edición internacional desta prestixiosa publicación, explica que Pontevedra, "a menos dunha hora en coche" de Santiago de Compostela, é coñecida por restrinxir a circulación no centro urbano desde o ano 1999.
"Agora os viaxeiros poden atravesar o casco antigo de Pontevedra dun extremo a outro nunha camiñada de 25 minutos", sinala a autora do artigo, a xornalista Robin Catalano, que valora a rede de estacionamentos disuasorios nos accesos á cidade.
A pé, destaca National Geographic, o visitante pode contemplar "fermosos edificios de pedra", entre os que cita a basílica de Santa María ou o santuario da Peregrina, aínda que deste último afirma que ten "forma de barril", no canto de cuncha de vieira.
Esta igrexa, engade a revista, "dise que guía aos viaxeiros polo roteiro portugués do Camiño de Santiago".
National Geographic tamén recomenda tamén visitar o Museo, "que exhibe moedas celtas, iconografía relixiosa e pinturas contemporáneas" ou A Ferrería, "rodeada de restaurantes e bares, a maioría cos frescos viños brancos das próximas Rías Baixas".
Ademais, despois de comer suxiren pasear polo río Lérez a través da ponte do Burgo, "un paso medieval construído sobre un romano".
Xunto con Pontevedra, National Geographic inclúe nesta lista de destinos para gozar sen coche a Tunø (Dinamarca), Isla Mackinac (Estados Unidos), Medina de Fez (Marrocos), Trogir (Croacia), Corn Island (Nicaragua); Illa de Porquerolles (Francia), Illas da Canle (Estados Unidos), Illa de Rottnest (Australia) e Hoi An (Vietnam).