Destinan 42.700 euros á mellora da pista da Lufiña, en Santa Cristina de Cobres
Por Redacción
O Concello de Vilaboa reasfaltará da pista da Lufiña, en Santa Cristina, cun importe superior aos 42.700 euros co Plan Marco da Xunta, que garante a mellora de camiños de titularidade municipal de acceso a parcelas agrícolas.
Trátase dunha actuación de mellora que consiste no tendido dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor así como unha pequena canalización de drenaxe. Nun tramo do vial acometerase unha pequena ampliación incluíndo no vial un sobreancho ata a liña de peche existente.
A actuación inclúe tamén o mantemento, limpeza de firme e cunetas existentes para facilitar a drenaxe das augas pluviais e que o vial se manteña en óptimas condicións no inverno, xa que ten un considerable fluxo de tráfico ao dar acceso ás leiras de labradío.
A actuación nesta pista complétase coa execución de lombos redutores de velocidade mediante mestura bituminosa en quente e pintado de marcas laterais de calzada mediante pintura reflectora e microesferas de vidro, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal. Tamén se colocarán sinais de tráfico verticais en poste galvanizado
O alcalde de Vilaboa, César Poza, recoñece que nun municipio tan grande en extensión e con núcleos tan dispersos resulta complexo para a administración local manter todas as estradas en óptimas condicións. "Aos poucos iremos actuando en todas, mellorando o firme e sobre todo implementando medidas de acougado do tráfico e de seguridade para os peóns".