Pontevedra, sede en outubro do encontro nacional de deseño
Por Alejandro Espiño
A cidade de Pontevedra converterase os días 21 e 22 de outubro na capital española do deseño. Será coa celebración da décima edición do Encontro Nacional de Asociacións de Deseño (ENAD), un evento que atraerá a grandes referentes do sector.
Esta iniciativa, organizada pola Rede de Asociacións Nacionais de Deseño (READ) e a Asociación Galega de Deseño (DAG), ten como obxectivo dar a coñecer o estado do deseño español e propoñer liñas de pensamento e acción para o sector.
O lema baixo o que se celebrará este encontro en Pontevedra será a de "Cidades imaxinadas, cidades deseñadas" e propoñerá aos asistentes pensar como queremos que sexan os lugares onde vivimos e como queremos vivilos.
Durante a celebración deste foro, haberá conferencias, presentacións de proxectos ou mesas de traballo, xunto con reunións profesionais ou mesmo un showroom e visitas pola cidade.
Por agora, pouco se sabe do programa concreto que terá este encontro nacional de deseño pero desde a organización xa desvelaron o nome dos dous primeiros relatores que virán a Pontevedra o próximo mes de outubro.
Está confirmada a presenza dos arquitectos Tamara Pérez, do estudo chileno gt2P, e Pablo Sendra, director de Lugadero, un estudo multidisciplinar de Sevilla especializado en deseñar estratexias para empoderar comunidades e reimaginar os seus espazos públicos. Ambos os dous serán os encargados de abrir cada día cunha conferencia maxistral.