Inés Vázquez, alumna do CEIP Chancelas, deseña o cartel das Festas de San Xoán de Poio
Por Redacción
O Concurso de Carteis de San Xoán xa ten gañadora. O deseño elixido polo xurado, composto por membros da Corporación e pola técnica de Cultura, foi o realizado por Inés Vázquez, alumna do CEIP Chancelas de Combarro.
A súa proposta foi a que obtivo unha maior valoración nunha edición que rexistrou un nivel de participación "moi alto e de gran calidade", tal e como apunta o presidente do xurado e concelleiro de Festexos, o nacionalista Xosé Luís Martínez.
Un total de 214 mozos tomaron parte nun certame.
Como xa é habitual, o concurso presentaba catro categorías, divididas en función das idades dos participantes. Na A, para nenos de 5 a 8 anos, a gañadora foi Amanda Ríos, do CEIP Espedregada de Raxó. Outro alumno deste centro educativo, Feryangel Ruano, foi quen se levou o primeiro premio na categoría C, de 12 a 14 anos, mentres que a D, de 15 a 17 anos, quedou deserta. A autora do cartel elixido finalmente para ser a imaxe das Festas de San Xoán foi a máis votada no grupo B, de 9 a 11 anos.
Como principal novidade, este ano o xurado tamén decidiu outorgar un obsequio aos máis cativos, de 5 anos, a modo de recoñecemento e para salientar a implicación e o esforzo dos nenos de menor idade. Neste apartado, o recoñecemento foi para Sofía Gutiérrez, do CEIP Lourido (San Salvador).
En total, a Concellería de Festexos reparte máis de 400 euros en premios a través deste certame, que consistirán en vales para utilizar nas librarías de Poio, o que supón tamén un aliciente para dinamizar a actividade do comercio local. A maiores, os gañadores tamén se levarán un agasallo a modo de obsequio conmemorativo. Como xa é habitual, a entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro 22 de xuño, coincidindo co inicio das festas.
Relacionadas:
-
Haberá 'Puntos Lila' previr contra a violencia machista durante as festas de San Xoán e o Festival Armadiña Rock
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Unhas Festas de San Xoán para queimar no lume "o demo da covid"
Por Alejandro Espiño |
-
Baiuca e Andrés Suárez actuarán na nova edición do festival 'Sons de Ánkar'
Por Redacción |
-
Prohibido facer cacharelas nas praias de Marín
Por Redacción |
-
As grandes orquestras amenizarán este verán as principais festas de Poio
Por Redacción |
-
O San Xoán de Poio volverá ao formato pre pandemia
Por Redacción |