O cribado de cancro de cérvix estenderase a Pontevedra en xuño
Por Redacción
A partir do próximo mes de xuño, os cribados para detectar nunha fase temperá calquera tipo de patoloxía relacionada co cancro de cérvix comezarán a realizarse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
O programa está dirixido a mulleres de entre 35 e 65 anos, que recibirán unha carta convidándoas a participar no cribado, do que ata o de agora só se fixo unha proba piloto en Lugo.
Segundo os datos do Sergas, un 4,4% das máis de 3.000 mulleres que se someteron ás probas nesta fase inicial deron positivo no virus do papiloma humano e unicamente dous casos confirmáronse como cancro de cérvix.
A positividade foi superior no grupo de idade de 35 a 44 anos, diminuíndo a medida que ía aumentado a idade das pacientes.
O virus do papiloma humano é o responsable de practicamente a totalidade das lesións pre-cancro e os cancros de cérvix. Por iso, nestas primeiras probas os responsables sanitarios tratan de detectar unha posible infección con este tipo de virus.
O de cérvix é un dos principais tipos de cancro que sofren as mulleres a nivel mundial. En Galicia detéctanse unha media de 253 novos casos cada ano. Pero a pesar diso, é un dos tumores malignos que se poden controlar máis facilmente.
Para iso, é esencial unha fase preclínica prolongada e unha identificación de fases premalignas para poder desenvolver un tratamento efectivo que, ademais, resulta sinxelo.
As mulleres que reciban a carta para participar neste programa poderán elixir entre realizar a proba no domicilio e levala posteriormente ao centro de saúde ou, se pola contra, prefiren pasar o cribado no centro de saúde.
Para aquelas pacientes que teñan entre 61 e 65 anos será obrigatoria esta segunda opción.
Relacionadas:
-
O programa de detección precoz do cancro de cérvix chega a todos os centros de saúde pontevedreses
Por Redacción |
-
Galicia xa vacina contra o virus do papiloma humano aos nenos de 12 anos
Por Redacción |
-
Sanxenxo acolle ata o domingo a exposición '50 anos cambiando a historia do cancro'
Por Redacción |
-
A bandeira verde contra o cancro ondea en Pontevedra para reivindicar máis investigación
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
O robot cirúrxico Da Vinci opera por primeira vez en Montecelo un caso de cancro de colo
Por Redacción |