Pepa Pardo, do PP, levará á "autoridade competente" as irregularidades detectadas en facturas do goberno local
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Partido Popular, a través da concelleira Pepa Pardo, alerta das "irregularidades" que este grupo municipal da oposición detectou na contratación do goberno local de Pontevedra. Este mércores, Pardo e o concelleiro Gerardo Pérez Puga, denunciaban o pago, sen expediente previo, de facturas sen contrato cunha "clara adxudicación a dedo, esquivando todo tipo de concursos e en contra da Intervención", explicaba a edil popular.
Asegura que "informe tras informe tras informe", a Intervención conclúe que debe corrixirse esta práctica polo Concello, debe procederse á contratación polos procedementos establecidos para o efecto e deberán esixirse as oportunas responsabilidades. Desa forma, Pepa Pardo considera que hai "multitude de facturas sen previa tramitación e nulas de pleno dereito" que se están estudando por parte do PP local xa que algunhas "mesmo rozan o ilícito penal" á marxe da irregularidade administrativa.
Denuncia que hai máis de cinco facturas dunha anualidade co mesmo concepto, mesmo importe e mesmo adxudicatario. Neste sentido, chamou a atención sobre o caso das facturas relativas ao servizo de mantemento do Pazo da Cultura cun importe de 12.340 euros mensuais que, segundo Pardo, foron pagados sen existencia de procedemento administrativo nin contrato. "Isto non é admisible", indicou a representante popular.
Expón que na comisión de economía do 16 de marzo solicitouse información sobre estas facturas. Esta petición foi votada en contra polo goberno local e o 30 de marzo, o PP volveu solicitar información sen obtela pasados case dous meses. Por este motivo, sinalan, iniciaron un traballo de revisión de cada factura. Advirte de que atoparon pagos polo mantemento de ascensores, organización de eventos, instalación de carpas, estudos que poderían encadrarse en contratacións para dar oportunidade a diversas empresas, entre outros, segundo alegou a integrante do grupo da oposición municipal.
"Se a nós non se nos dan as explicacións pertinentes destas prácticas, terán que dar resposta ás autoridades competentes nesta materia", ameazou Pepa Pardo ao goberno local. Anunciou que están a estudar as facturas unha a unha para trasladalas aos tribunais no caso de que detecten ilegalidades. "Non podemos consentir estas prácticas", explicou sinalando que non se trata de casos de urxencia senón situacións que se producen mes a mes
"A realidade é que é unha irregularidade. A realidade é que o fixeron contravindo as normas que regulan a forma de proceder na contratación do sector público. Esa é a realidade. Nós non podemos consentir irregularidades. Que houbo un atraso na contratación? Oian, dous anos? entón vostedes non son capaces de xestionar un goberno municipal. Apártense e deixen a quen sabe xestionar", sostivo a concelleira.
RESPOSTA DE CARME FOUCES
Carme Fouces, concelleira de Persoal e Cultura, respondeu a estas acusacións do Partido Popular sobre as facturas polo servizo de mantemento dos espazos do Pazo da Cultura explicando que se derivaban da situación pandémica: "O PP está fóra da realidade porque todas as administracións estivemos colaborando. O Concello puxo a disposición do Sergas e da Xunta o Recinto Feiral como vacunódromo, colaborando coa Xunta e o Sergas, que é o que hai que facer nestes casos, menos o PP de Pontevedra, que segue co seu despiste perpétuo buscando papelitos e tentando facer caso onde non hai caso".
Ademais, a concelleira do grupo de goberno, quixo agradecer á empresa encargada deste servizo por prestalo sen actualizar os prezos e mantendo os establecidos en 2015. "Agradecemos o seu compromiso e lealdade", concluíu.
Relacionadas:
-
O Concello prepara un "contrato ponte" para o servizo de limpeza do Teatro Principal, Pazo da Cultura e Recinto Feiral
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobada en pleno a modificación do cadro de persoal do Concello entre os apupos de representantes sindicais
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Rafa Domínguez pide que se abra unha comisión de investigación sobre os contratos "políticos" do BNG
Por Alejandro Espiño |
-
O PP crea unha comisión para vixilar e controlar os contratos que faga o Concello
Por Redacción |