O local social de Tomonde estrea 'nova cara' tras as obras de renovación
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, acompañado pola tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro, visitou o final das obras de reforma integral do local social da parroquia de Santa María de Tomonde onde os operarios municipais con fondos propios substituíron a cuberta.
Tamén se implantou un sistema de hidrofugado para evitar as humidades que presentaba este local sociocultural.
Ademais, o Concello de Cerdedo-Cotobade mellorou o acceso ao local sociocultural para que as persoas con problemas de mobilidade teñan máis fácil achegarse e usar este espazo de encontro veciñal. Finalmente, os operarios municipais acometeron o pintado interior do local.
Jorge Cubela destacou a importancia que teñen os locais socioculturais para manter vivo e activo o tecido asociativo parroquial á vez que destacou que "agora, despois de que finalicen os traballos, o importante é que se lle dea o uso idóneo, que a xente veña, goce del e sirva de punto de encontro e unión da veciñanza de Tomonde".