CSIF mobilízase en todo o país en defensa dos dereitos dos empregados públicos
Por Diana Eiras & María José Pita
A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), o sindicato máis representativo nas administracións públicas, iniciaba este mércores 25 de maio un calendario de mobilizacións pola defensa dos dereitos do conxunto de empregados públicos.
En Pontevedra, a concentración tiña lugar ante a sede da Subdelegación do Goberno, onde houbo unha representación de traballadores pertencentes ao sindicato CSIF e a JUSAPOL (Justicia Salarial Policial).
As mobilizacións realizáronse ás 12:00 horas de forma simultánea en todo o país. En Galicia, as concentracións tiveron lugar ante as subdelegacións do Goberno das catro capitais de provincia: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
"Este é o inicio dunha serie de mobilizacións que imos facer ao longo deste ano, principalmente pola perda de poder adquisitivo que levamos acumulada desde o ano 2010, que nalgúns casos, segundo o grupo, ttemos traballado gratis entre 15 e 18 meses. Non só iso, os servizos sanitarios que nos ofrecen a través de mutualidades houbo un recorte enorme, en centros hospitalarios, atención... Persoalmente, está a custarme mesmo atopar un oftalmólogo, tería que ir a tema privado", sinala Jerónimo Fernández Vicente, presidente provincial de CSIF-Pontevedra a preguntas de PontevedraViva.
Fernández Vicente aclara que "cando falamos dun funcionario estamos a falar dun médico, dun policía, un profesor, un funcionario de Correos... A nós gústanos máis falar de empregados públicos, non só funcionarios, porque o persoal laboral tamén son empregados públicos. Moitos dos traballadores que hai en Defensa, fóra dos militares, son empregados públicos que, por exemplo, levan temas administrativos"
O presidente provincial de CSIF-Pontevedra foi o encargado de ler o manifesto que o sindicato replicou en todas as concentracións. Neste texto lémbrase que durante a recente crise sanitaria púxose de manifesto a necesidade de contar cuns servizos públicos o suficientemente dimensionados para poder ofrecer os cidadáns uns niveis de calidade na prestación acordes ao Estado de Benestar.
"As empregadas e empregados públicos, coa súa profesionalidade, entrega e un comportamento exemplar ao longo da crise sanitaria, demostraron unha xenerosidade e entrega dignas de eloxio, garantindo o normal funcionamento dos servizos públicos a pesar das difíciles circunstancias vividas e a carencia de persoal no conxunto das nosas administracións públicas", continúa o manifesto. O sindicato recoñece que esta actitude foi recoñecida pola sociedade no seu conxunto, pero non tanto así polas administracións públicas.
"Por iso hai que pasar das palabras aos feitos e o Goberno non pode evitar a negociación colectiva cos lexítimos representantes dos empregados públicos para abordar a situación actual, blindando os nosos servizos públicos e recoñecendo o labor que prestamos á sociedade", apunta Jerónimo Fernández Vicente.
Critican, ademais, que as últimas reformas das pensións, avaladas coa sinatura de CCOO e UXT, propiciaron un incremento na idade para acceder á xubilación e un recorte de ata 8.500 euros se se accede á xubilación a unha idade máis temperá da establecida.
A estas carencias engádese que a temporalidade no emprego público sitúa ao conxunto de administracións públicas nunha taxa superior á da empresa privada, precarizando os servizos públicos e o labor que desenvolve o conxunto de empregados públicos.
Por todo iso reclaman a recuperación do poder adquisitivo, o respecto ás condicións laborais, a estabilización do emprego e supresión a taxa de reposición, a corrección das desigualdades retributivas entre administracións, a actualización das contías sobre indemnización por razón do servizo, a adecuación dos complementos de insularidade, a fixación do adianto na idade de xubilación a determinados colectivos pola súa actividade, que se ofreza unha prestación sanitaria adecuada aos mutualistas e beneficiarios, e o mantemento do réxime de Clases Pasivas, corrixindo a desigualdade na contía das pensións.