Lula Goce e Daniel Eime crean nove grandes murais no Camiño Portugués, dous deles en Pontevedra e Caldas
Por Alejandro Espiño
Pontevedra e Caldas de Reis serán dúas das nove localidades do Camiño Portugués que se sumarán á iniciativa artística "As Estrelas do Camiño", que ten o obxectivo de homenaxear a todas aquelas persoas que manteñen vivo o espírito deste roteiro de peregrinación.
A artista pontevedresa Lula Goce e o portugués Daniel Eime retratarán a nove protagonistas en grandes murais ao aire libre repartidos ao longo doutras tantas etapas do Camiño Portugués, para simbolizar o diálogo e o irmandamento entre ambos os pobos.
Esta iniciativa, impulsada por Estrella Galicia, estreouse con gran éxito en 2021 en sete enclaves do Camiño Francés e amplíase agora a Pontevedra e o norte de Portugal.
Os protagonistas destes murais, que poderán ser contemplados polos peregrinos, son nove persoas con nove historias de resistencia ligadas ao Camiño, á tradición e á terra, que souberon facer fronte a cantas dificultades se lles presentaron.
Lula Goce e Daniel Eime alternarán as súas obras ao longo do itinerario, establecendo unha sorte de conversación artística a través dos murais e reforzando a idea de intercambio entre Galicia e Portugal, tan presente no Camiño.
Os murais pintaranse en lugares ben visibles, como fachadas ou pontes de Matosinhos, Barcelos, Ponte de Lima, Rubiaes, Tui, O Porriño, Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón.
Dous dos murais xa están acabados. O mural de Joaquin Sá, atleta de 74 anos, en Rubiaes pintado por Lula Goce; e o de Enrique Ocampo, representando á familia Ocampo que leva desde 1630 dedicándose á construción e reparación de campás, entre elas a da Catedral de Santiago, en Caldas de Reis, tamén retratado pola artista galega.
Moi preto de cada mural colocarase un fito, con información detallada de cada persoa retratada. Estes novos fitos formarán parte do novo percorrido artístico do camiño.