O Punto Amigable Tecnolóxico de Poio axuda os maiores a entenderse con móbiles e ordenadores
Por Redacción
Este mes de maio arrincaba o funcionamento do Punto Amigable Tecnolóxico de Poio. Unha proposta que impulsa a concellería de Benestar Social, que dirixe a concelleira Rosa Fernández. Con este Punto quérese ofrecer á veciñanza de idade avanzada ferramentas e asesoramento para que se familiaricen co manexo de computadores e teléfonos móbiles de última xeración.
Todos os mércores, entre as 17.00 e as 19.00 horas, a aula de informática do Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó, ofrece estas sesións explicativas. A inscrición é totalmente gratuíta e as persoas interesadas pódense anotar a través do teléfono 986.872.401.
A idade media das persoas asistentes supera os 70 anos pero mesmo hai participantes de 88 anos. "Nunca é tarde para aprender a utilizar estas ferramentas", asegura a concelleira socialista. As sesións son impartidas por unha técnica que explica o funcionamento destes dispositivos tecnolóxicos e mostra como se debe navegar por internet, o uso do correo electrónico ou tramitación de documentos dixitais. Rosa Fernández recoñece que é unha necesidade para a cidadanía de maior idade e con esta iniciativa búscase que este sector da poboación perda o medo para utilizar o computador.
Este Punto Amigable Tecnolóxico permanecerá operativo ata finais de xuño. Se existe demanda, a concellería estudará a posibilidade de retomar a actividade cando finalice o verán.
APAGAMENTO AMBIENTAL
O Concello de Poio volverá participar este ano no Apagamento ambiental, que impulsa o Fondo Galego de Cooperación. A iniciativa realizarase o domingo 5 de xuño, entre as 23.00 e as 00.00 horas, con motivo do Día do Medio Ambiente.
A acción consistirá nun apagado da iluminación exterior dos edificios de titularidade municipal como a Casa Rosa, o Casal de Ferreirós ou o Concello.