Sobral lembra que a vertedura na praia de Campelo foi "puntual" e resolveuse no momento
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, garantiu este xoves que as praias habilitadas como zonas de baño no municipio “cumpren con todos os requisitos e os niveis de calidade pertinentes para os seus usuarios e usuarias”. Fíxoo despois de que o PP desvelara unha sanción de Augas de Galicia por un verquido de augas fecais en xuño do 2021 na praia de Campelo.
O líder do goberno local lembra que as medicións levadas a cabo pola Consellería de Sanidade, que se realizan de xeito periódico, constatan que 14 das 15 praias de Poio están no nivel de excelente, que é a puntuación máxima. Entre elas, atópase tamén a de Campelo.
O último estudo levado a cabo polos técnicos da Consellería de Sanidade data do pasado de 17 de maio, acadaron, unha vez máis, un resultado moi positivo. Sobre a vertedura ao que se refire o Partido Popular, Sobral sinala que se tratou dunha “situación puntual”, que se rexistrou o ano pasado.
“O problema detectouse nunha vivenda particular e foi resolto no seu momento”, sinalou o rexedor, que recalca que este feito non afectou á calidade de auga, como así o demostra o feito de “a finais do ano 2021 os resultados das análises realizadas nesas datas acadaron o resultado de excelente, algo que, no caso da praia de Campelo, leva rexistrándose de xeito consecutivo ao longo dos últimos catro anos”.
O alcalde Sobral lamenta que o Partido Popular aproveite este feito puntual, xa solucionado, para “tratar de danar a imaxe do noso concello”. O rexedor nacionalista recalca que “o noso municipio é un referente a nivel turístico, con moitos atractivos, entre os que se atopan as nosas praias, e iso non vai cambiar pese aos esforzos do PP por xerar confusión e infundir medo entre a cidadanía”, rematou.