Levántanse as medidas de precaución para bañarse na Praia Compostela
Por Redacción
A praia Compostela xa volve estar dispoñible para o baño sen as medidas de precaución establecidas estos días. O resultado das mostras tomadas durante o martes polo persoal do servizo de Sanidade da Xunta de Galicia para realizar a contra análise confirmou que as augas do principal areal de Vilagarcía de Arousa atópanse en bo estado, segundo a información facilitada polo Concello.
O domingo 22 detectouse unha concentración de E-coli na mostra tomada cuns parámetros que alcanzaban os 2.000 NMP/100 ml. Segundo o goberno local tratábase dun feito "anormal, puntual e breve". Con esta nova mostra dan por pechado o caso ao comprobar que as augas se atopa nos parámetros de 500 NMP/100 mililitros, unha cifra situada por baixo do límite máximo permitido que se establece nos 800 NMP/100 ml. "Non supón un risco para a saúde dos bañistas", indican desde o goberno de Vilagarcía de Arousa.
Por este motivo, as medidas de precaución que se estableceron durante a xornada do mércores, cando se recibiu a primeira comunicación de Sanidade no Concello, suspéndense. Os carteis que desaconsellaban o baño temporalmente tamén serán retirados. O goberno insiste en que as novas analíticas realizadas pola Xunta de Galicia reflicten que a presenza da bacteria é catro veces inferior á cantidade detectada o domingo.
Segundo indican as fontes municipais, a causa desa concentración microbiolóxica elevada non está determinada. Sinalan que a orixe pode deberse a varios factores como unha vertedura desde terra ou desde unha embarcación; á concentración de bacterias nun punto concreto debido aos ventos e mareas: unha avaría da rede de sumidoiros; ou á coincidencia con choivas que puideron aliviar o caudal da recollida de pluviais pola rede de saneamento, provocando un desborde. Desde o goberno municipal expresan que se manterán vixiantes para evitar que se volva a repetir unha escena similar.
Segundo o Concello, a media das analíticas realizadas ao longo do último ano pola Consellería e que se publicaron esta semana ofrece o nivel de "excelente" á calidade das augas da zona de baño da praia Compostela e tamén dos outros tres areais de Vilagarcía, do mesmo xeito que vén sucedendo durante os últimos anos.
Relacionadas:
-
Organizacións da Ría de Arousa alertan sobre a diminución de bivalvos e piden a intervención de Alfonso Rueda
Por Redacción |
-
Desaconsellado o baño na praia de Compostela tras detectarse niveis microbiolóxicos superiores aos permitidos
Por Redacción |
-
Acondicionan os accesos ás praias de Vilagarcía para esta Semana Santa
Por Redacción |