O CHUP lembra a importancia de participar nos cribados contra o cancro colorrectal
Por Redacción
O día 29 de maio conmemórase o Día Mundial da Saúde Dixestiva, que este ano busca incidir na importancia dos cribados para a loita contra o cancro colorrectal, unha causa á que se suma o Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Desde o complexo pontevedrés inciden na importancia de que haxa unha participación masiva no programa galego de detección precoz desta doenza que, organizado pola Consellería de Sanidade, está dirixido a homes e mulleres de entre 50 e 69 anos.
Segundo o Observatorio do Cancro da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), en España a incidencia desta enfermidade durante 2021 foi de 40.926 casos, afectando nun 60 % a homes e nun 40 % a mulleres, sendo o segundo máis diagnosticado en homes e o terceiro máis frecuente en mulleres.
Os datos desta entidade amosan, ademais, que a incidencia no país continuará a medrar nos vindeiros anos, pasando a superar os 42.000 casos en 2025 e os 50.000 para 2035. Dende o Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario recalcan a importancia dos programas de detección precoz para frear esta tendencia alcista e aumentar a esperanza de vida dos diagnosticados.
Todos os galegos reciben a partires dos seus 50 anos unha carta na que se lles anima a realizar unha proba de sangue oculta en feces. Para participar, pódese contestar reenviando de xeito gratuíto dita carta ou introducindo o código que se amosa nela nunha ligazón. Posteriormente, reciben na casa o material e unhas sinxelas instrucións para realizar a proba e entregala no centro de saúde. En caso de perda da carta, pódese solicitar a participación no centro sanitario de referencia.
A meirande parte dos participantes só realizan esta proba inicial, de feito, son menos do 10 % os que necesitarán unha segunda fase do cribado, que consistiría nunha colonoscopia, unha proba ambulatoria que se realiza con sedación. Se nesa segunda proba se detecta algún pólipo, case sempre é posible quitalo no mesmo día.
Como indica o doutor Enrique González de la Ballina, endoscopista do programa de cribado no Hospital Montecelo, “o obxectivo do programa é detectar e extirpar lesións premalignas (pólipos de colon) que non provocan ningún síntoma e que co tempo poden derivar nun cancro”.
Tal e como estiman dende a Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva (SEPD), cunha participación masiva neste tipo de iniciativas poderían evitarse un terzo dos falecementos por cancro colorrectal, o que suporía salvar máis de 3.600 vidas cada ano en España.
“A participación masiva no programa de cribado reduciría significativamente a incidencia do cancro colorrectal co evidente beneficio para as persoas que o sufrirían. Suporía, ademais, un importante aforro do gasto sanitario que podería utilizarse para outras patoloxías”, explica González de la Ballina.
Relacionadas:
-
A intelixencia artificial, unha aliada en Pontevedra para mellorar os cribados de cancro de colon
Por Redacción |
-
Incorporan a intelixencia artificial ao servizo de Aparello Dixestivo da área sanitaria para mellorar os cribados de cancro de colon
Por Redacción |
-
O Servizo de Aparello Dixestivo de Montecelo, líder galego na busca dun tratamento para o fígado graxo
Por Redacción |
-
O robot cirúrxico Da Vinci opera por primeira vez en Montecelo un caso de cancro de colo
Por Redacción |
-
Un estudo pontevedrés analiza os desprendementos de retina e a súa asociación coa radiación solar
Por Redacción |
-
O Servizo do Aparello Dixestivo do CHUP xa é referente nacional na atención á hepatite C
Por María José Pita |