Maica Larriba destaca o "extraordinario labor" da AECC en Pontevedra
Por Redacción
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, acompañada pola presidenta provincial da Asociación Española contra o Cancro (AECC), Carmen Abeledo, visitou este venres as novas instalacións da Asociación en Pontevedra.
Durante a visita á nova sede en Eduardo Pondal, Larriba destacou o "extraordinario labor que a asociación realiza na provincia a prol dos pacientes que sofren esta enfermidade e aos seus familiares" e recordou que "desde o Goberno estase a traballar para avanzar nas diferentes liñas da Estratexia contra o Cancro aprobada o ano pasado".
O obxectivo é "seguir construíndo un sistema sanitario que proporcione unha resposta eficaz a loita contra a enfermidade e reforce a atención dos e das pacientes oncolóxicas tras o impacto que a pandemia tivo nesta patoloxía". Ademais, a subdelegada insistiu en que "a efectividade nesta resposta vese reforzada grazas ao traballo que se desempeña desde lugares como este, un traballo multidisciplinar, continuo e desinteresado que contribúe a minimizar o impacto que un diagnóstico deste tipo ten sobre a vida das persoas e os seus achegados".
Por último, desde a Subdelegación do Goberno recordan que a Asociación Española contra o Cancro de Pontevedra realizou no ano 2021 14.898 intervencións, sendo 2.528 intervencións de carácter social, 8.365 de atención psicolóxica e 2.649 con voluntarios e voluntarias.