Acordo entre a Escola de Arquitectura da Coruña e o Concello para fomentar Pontevedra como "fogar público"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido
Representantes do equipo directivo da Escola Técnica de Arquitectura da Coruña (ETSAC) e do goberno local, coa concelleira Anabel Gulías á fronte, mantiñan un encontro este luns no Concello de Pontevedra para traballar na elaboración dun protocolo de colaboración entre ambas as institucións.
Precisamente, segundo explicaba a concelleira de Promoción da Cidade, este centro de educativo xa estaba a traballar na cidade cun proxecto de fin de mestrado no que se propón a Pontevedra como escenario. Neste sentido, o Concello quere que se traballe máis neste sentido e bríndase a colaborar con imaxes, arquivos, cartografía e outros elementos que permitan involucrar ao municipio dentro das investigacións de cidades europeas que se realizan desde a Escola.
Ademais, a dirección da Escola pasará a formar parte do comisariado técnico e científico de dous eventos como Urbtopías e Placemaking, no que se dan cita máis de catrocentos expertos internacionais en planificación do futuro das cidades, achegando a perspectiva galega.
Plácido Lizancos, director da ETSAC, explicaba que a comunidade do centro ascende a ao redor dun milleiro de persoas e que a Escola ten intereses coincidentes cos do goberno local en relación a promover unha cidade inclusiva, xusta, sostible e resiliente, con "interese no ben común".
"Estamos entregados a este tipo de accións", indicaba en relación aos proxectos de simulación e que, grazas á colaboración co Concello, poderán ter unha formulación práctica con "resolución de exercicios reais" nos catro títulos que se imparten: grao en Aquitectura e en Paisaxe; e mestradoes en Arquitectura e en Rehabilitación arquitectónica.
Anabel Gulías expoñía que o proxecto fin de mestrado de arquitectura 2022-23 presentado pola Escola céntrase en tratar a cidade como "fogar público", unha proposta que coincide coa idea do alcalde cando presume da cidade como a sala de estar dun residente, apuntou a portavoz municipal. Neste sentido, ese proxecto contempla a idea de identificar tres lugares da cidade como espazos para cociñar, para aseo e para conversa localizados en Burgo Norte; Moureira - Gafos; e Marescot. Sobre esa idea traballaría o alumnado con intervencións ou pensamentos de aplicación ao ámbito público.
Ao contar con mestrado en Rehabilitación, a concelleira lembrou que Pontevedra ten dous proxectos ambiciosos no que poderían proxectar propostas como a rehabilitación de Santa Clara e a Casa Consistorial. "Ese coñecemento é impagable", apuntou Gulías animando a que se poden concretar a través de proxectos fin de curso.
O equipo directivo da ETSAC argumentou que "temos moitas cousas que dar" e "atopar un interlocutor que nos pida cousas e nos queira oír é extraordinariamente importante". admitiu Carlos Luís Quintáns, subdirector do centro, manifestando o acordo entre as dúas institucións de cara ao futuro.
Relacionadas:
-
Conceden a distinción Profesional Colexiado do Ano aos arquitectos Xosé Manuel Rosales e José Luis Pereiro
Por Redacción |
-
Urbtopías 'estrea' Santa Clara cun adianto da Placemaking Week de setembro
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"As cidades do futuro pareceranse moito a Pontevedra. Deben ser espazos de convivencia"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O alcalde Lores recibe no seu despacho a dous referentes en modelos de transformación urbana
Por Redacción |
-
"Hai que recuperar o papel do público. Non podemos deixar a cidade nas mans de intereses privados"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |