Conceden a distinción Profesional Colexiado do Ano aos arquitectos Xosé Manuel Rosales e José Luis Pereiro
Por Redacción
Nun acto na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos de Santiago, os arquitectos Xosé Manuel Rosales e José Luis Pereiro, colexiados do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) recibían a distinción Profesional Colexiado do Ano da Unión Profesional de Galicia.
Rosales recibía o premio correspondente á edición de 2020, mentres que Pereiro era galardoado coa de 2021. Con esta distinción quérese visibilizar a traxectoria dos dous profesionais naturais da provincia de Pontevedra e destácase a súa contribución no prestixio desta profesión e a súa excelencia na prestación de servizos á sociedade por encima dos seus intereses particulares.
O pontevedrés Xosé Manuel Rosales Noves é arquitecto e docente. Aos 14 anos trasladouse á cidade da Coruña onde estudou na Universidade Laboral e, despois, na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSA). Presentouse ás oposicións de profesor de Debuxo para Educación Secundaria e desde 1985 desenvolveu a docencia ata que se xubilou en 2019 coa condición de catedrático.
Rosales tamén exerceu a arquitectura con catorce proxectos, a maioría deles relacionados con vivendas unifamiliares. A súa última obra, finalizada en 2006, foi unha vivenda no lugar de Tellada, en Betanzos, en colaboración co arquitecto Gonzalo Crecente Maseda. A obra obtivo o Premio Juana de Vega de Arquitectura. Tamén exerceu de profesor na ETSA da Coruña, desde 1992 ata 2018. Un período no que colaborou con Pedro de Llano na montaxe de exposicións sobre Arquitectura Contemporánea.
Ademais, é promotor do ProxectoTERRA, con Pedro de Llano, Juan Luís Dalda e Antonio Díaz, co obxectivo de achegar a arquitectura á cidadanía a través da educación. Esta iniciativa recibiu o Premio Nacional de Urbanismo 2010 do Ministerio de Fomento e o Premio da Crítica de Galicia en 2011.
Foi, ademais, coordinador executivo da organización de Ludantia I Bienal Internacional de Educación en Arquitectura para Infancia e Mocidade en Pontevedra, de 2016 a 2018. Unha cita que define como "unha formidable experiencia que me permitiu coñecer e achegarme ao entusiasta colectivo internacional implicado na educación en arquitectura".
Pola súa banda, o vigués José Luis Pereiro Alonso graduouse en Arquitectura pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid no ano 1971 na especialidade de Urbanismo. Traballou como arquitecto municipal no Concello de Vigo entre 1971 e 1986. Nese último ano foi nomeado subdirector Xeral de urbanismo da Consellería de Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia. Foi designado membro do equipo encargado de elaborar o borrador do Regulamente da Lei de Adaptación do Solo a Galicia. Recibiu numerosos recoñecementos entre os que destacan os premios do COAG; o primeiro premio e dous accésit do concurso de Modelos Arquitectónicos de vivendas unifamiliares do Medio Rural da Xunta en 1993; ou o Best of Wine Tourism Awards 2006 de San Francisco pola mellor realización arquitectónica do mundo no sector do enoturismo pola súa intervención en Adegas Calem (Porto), entre outros.
Relacionadas:
-
Como ten que ser unha supercasa? Os arquitectos consultan aos nenos
Por Oskar Viéitez |
-
Acordo entre a Escola de Arquitectura da Coruña e o Concello para fomentar Pontevedra como "fogar público"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |
-
Os arquitectos premian o skatepark de Baltar e dúas vivendas na Lama e Marín
Por Redacción |
-
Premio ás 32 imaxes que mellor amosan que as persoas son as destinatarias do espazo público
Por Redacción |
-
Ludantia márcase o reto de crear cidades para a infancia
-
Pontevedra, sede dunha bienal que ve "esencial" implicar os nenos no deseño do espazo común
Por Alejandro Espiño |