A Xunta concede as axudas para contratar persoal de reforzo na prevención de lumes forestais
Por Redacción
A Xunta de Galicia anuncia as axudas para a contratación de persoal dentro do programa 'Aprol Rural'. O delegado territorial de Pontevedra, Luís López, informaba desta resolución durante a visita que realizaba este luns ao Concello de Cerdedo-Cotobade, en compañía do alcalde Jorge Cubela.
Este concello terá a posibilidade de contratar tres persoas, cunha achega da administración autonómica de 44.000 euros. As subvencións para 35 municipios que serán beneficiarios achéganse aos 800.000 euros e permitirán reforzar o persoal durante nove meses con contratación de persoas que realicen traballos orientados, sobre todo, á prevención de incendios forestais.
Na comarca de Pontevedra, ao redor de 32.000 euros irán destinados á contratación de dous empregados en Campo Lameiro. 28.000 euros para A Lama; 16.500 para Ponte Caldelas e 13.970 euros, respectivamente, para un traballador nos municipios de Marín e Vilaboa.
Na comarca de Caldas, o municipio de Moraña poderá contratar a tres persoas grazas a 42.000 euros; mentres que Cuntis e Caldas achegaranse aos 17.000 para unha contratación.
Xa no Salnés, Sanxenxo e Ribadumia recibirán case 28.000 euros cada un para contratar a dous traballadores; o Concello de Meaño poderá contratar a outros dous cunha axuda de máis de 30.000 euros; mentres que Meis e O Grove recibirán case 14.000 euros para poder incorporar a un traballador durante ese período de maior risco de incendios.