As axudas Ágora recuperaron terreos de espazo público para as persoas equivalentes a dez campos de fútbol
Por Anxo Lourido
Alcaldes e representantes municipais de diversos municipios da provincia asistían este martes á segunda asemblea Ágora, que se desenvolvía no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, coas intervencións da presidenta provincial Carmela Silva e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez.
Durante este encontro realizouse unha retrospectiva sobre os 31 proxectos e as sete intervencións que se están executando dentro da Rede Ágora, a través de axudas da Deputación de Pontevedra. Carmela Silva indicou que xa ningún concello transforma o seu espazo público sen ter en conta os principios establecidos pola institución provincial. "Temos o reto de construír espazos de calidad onde a xente desexe vivir. Recuperamos o espazo público para pasar de lugares de paso a espazos de convivencia", explicaba a presidenta alertando de que se non se adoptan decisións chegarase a niveis insostibles de contaminación.
Destacaron que as obras realizadas permitiron recuperar máis de 100.000 metros cadrados de espazo público destinado ás persoas, uns terreos que equivalen a dez campos de fútbol. Uxío Benítez tamén indicou que hai outros oito proxectos que en breve finalizarán e que seguen os principios establecidos para fomentar as mobilidade das persoas.
Segundo explicaron, unha das novidades nestas subvencións de 2022 é que se ofrecerán fondos para proxectos que melloren espazos segregados para peóns e ciclistas, isto é, sendas cun mínimo de 100 metros de lonxitude e 2,5 metros de ancho. Os representantes da Deputación lembraron que aínda se atopa aberto o prazo para que os Concellos soliciten estas axudas. A nova convocatoria de contempla case dous millóns de euros para que se acometa a redacción de proxectos. Segundo Uxío Benítez é preciso elaborar eses proxectos para que se acceda ao posterior financiamento das obras por parte da Unión Europea.
Ademais, a Deputación poñerá ao dispor dos Concellos Ágora unha ordenanza de mobilidade que servirá de base para que se desenvolva despois como eixo para as normativas municipais ofrecendo seguridade xurídica. O principio que se defende no texto regulador é que as persoas teñen prioridade sobre os vehículos.
Carmela Silva insistiu no balance positivo do goberno provincial durante o últimos sete anos, que permitiu acometer un cambio estrutural fomentando a sustentabilidade e a seguridade viaria, a través deste modelo, cunha maioría de Concellos adheridos a estas propostas. E manifestou sentirse moi orgullosa polo traballo realizado tanto desde a Deputación e os distintos gobernos locais.
Durante a sesión tamén se anunciou que a Facultade Ágora deste ano será máis práctica e descentralizada con talleres en Vilagarcía de Arousa, A Estrada, Tomiño e Ponteareas. Lembraron tamén que hai un espazo de formación para axentes locais denominado PoliÁgora, co obxectivo de que os policías municipais regulen o tránsito nestes espazos.
Relacionadas:
-
Novo curso da Facultade Ágora na procura de mellorar o deseño urbano máis aló de Pontevedra
Por Redacción |
-
Regresa a Facultade Ágora coa intención de se converter no Laboratorio I+D+i do espazo público
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A Rede Ágora repartirá outros 1,96 millóns para recuperar espazos públicos e crear sendas peonís
Por Redacción |