O PP de Barro deixa atrás a época de Landín Eirín cunha nova xestora que presidirá Eduardo Ruadas
Por Redacción
Tras varias reunións con afiliados e responsables do Partido Popular en Barro, nas que se expoñía a necesidade de renovación, o PP de Pontevedra decidiu designar a Eduardo Ruadas novo presidente da xestora do partido.
Así se decidiu este luns na reunión mantida con afiliados en Barro, á que asistiron o secretario xeral do PP de Pontevedra, Luis López, e o coordinador comarcal do partido, Alberto Acuña, así como alcaldes e concelleiros doutros concellos limítrofes.
Luis López aproveitou a súa intervención para pedir unidade no partido, traballo ao novo equipo e coordinación co grupo municipal. Asemade, agradeceu a labor de José Antonio Landín Eirín durante todo estes anos, así como a todos os concelleiros e membros da anterior executiva local.
"É o momento de cambios, de apostar por un novo proxecto ilusionante do que forman parte todos os afiliados e todos os veciños que se senten próximos ao noso partido, hai que recuperalos porque aquí todos sumamos", explicou.
Pola súa parte, Ruadas agradeceu a confianza en nome de todos os integrantes da nova xestora, e comprometeuse a traballar duro para recuperar o apoio dos veciños de Barro. Convidou ademais a todas as persoas que nalgún momento formaron parte do Partido Popular a sumarse de novo ao partido. "Quero contar con todo o mundo e non se vai excluír a ninguén, todo o contrario", dixo Ruadas.
Xunto a Eduardo Ruadas, forman parte da nova xestora Miguel Batallán, como vicepresidente; Tania Búa, como secretaria; Víctor Sánchez, vicesecretario; e Alberto Diz -concelleiro do grupo municipal-, Martín Couso e Roberto Magariños como vogais.
Eduardo Ruadas García ten 64 anos, é veciño de Barro e empresario no sector da construción.
Relacionadas:
-
Nace "Xuntos por Galicia" o novo partido de Landín Eirín
Por Oskar Viéitez |
-
Tres concelleiros consuman o cisma no PP de Barro
Por Natalia Puga |
-
"Man tendida" do PP a Landín e os concelleiros descontentos coa nova xestora de Barro
Por Natalia Puga |
-
Fragmentación no PP de Barro, con movementos para unha escisión e ameaza de denuncias
Por Natalia Puga |