A construción da futura residencia da Eiriña comezará este mes de xuño
Por Alejandro Espiño
As obras de construción da futura residencia pública para maiores promovida pola Fundación Amancio Ortega en Pontevedra, no barrio da Eiriña, comezarán moi pronto. Será, previsiblemente, durante este mesmo mes de xuño.
Así o confirmaron os responsables do proxecto durante unha visita técnica aos terreos que acollerán esta residencia, na que estiveron acompañados polo edil de Urbanismo, Xaquín Moreda, co que ultimaron algúns detalles para o inicio destes traballos.
O Concello vailles a ceder o uso dunha parcela municipal situada nas proximidades para facer acopio de materiais e permitiralles ocupar vía pública -concretamente na rúa Paxariñal- para ter maior comodidade á hora de acometer as obras.
A Fundación Amancio Ortega destinará 12 millóns de euros á construción desta residencia, investimento que asumirá de xeito íntegro cos seus propios fondos, grazas a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia.
A parcela na que se levantará este centro, situada na unidade 18, ten preto de 5.000 metros cadrados. O edificio non ocupará todo o terreo, xa que a súa planta baixa terá 3.247 metros cadrados, polo que quedarán case 2.000 de zonas libres.
A superficie total construída será de 9.285 metros cadrados, segundo consta no proxecto, que se distribúen en tres volumes lonxitudinais que se proxectan en paralelo coa Rúa das Leitugas.
A planta baixa será para servizos comúns, a primeira será ocupada por área residencial e de enfermería mentres que a segunda e terceira serían, en exclusiva, para actividade residencial.
As entradas serán por Paxariñal e por Doce de Novembro para acceder á área de enfermería. Haberá zona verde e un soportal na planta baixa para que os residentes teñan un espazo.
A residencia contempla 120 prazas para persoas usuarias, repartidas en 42 cuartos dobres e 36 individuais. Estará atendida por uns 115 traballadores.
Relacionadas:
-
A futura residencia da Fundación Amancio Ortega, xa perimetrada, estará lista en 18 meses
Por Natalia Puga |
-
Queda deserta a poxa dun solar edificable a carón da pasarela
Por Oskar Viéitez |
-
Aprobada a licenza para a nova residencia que financia a Fundación Amancio Ortega
Por Redacción |
-
A residencia de maiores que promove a Fundación Amancio Ortega contará con 42 habitacións dobres e 36 individuais
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Pontevedra cederá unha parcela en 12 de Novembro á Xunta para construír unha residencia de maiores
Por Manu Otero |