Piden situar no centro do discurso político á Igualdade e sinalan que se está a substituír por diversidade
Por Oskar Viéitez
Este mércores comezou o II Encontro Nacional de Políticas Públicas da Escola de Igualade María Vinyals da Deputación de Pontevedra que se está a desenvolver no castelo de Soutomaior e no que se pediu situar no centro do discurso político á Igualdade advertindo de que estase a substituír por diversidade.
A violencia sexual como vulneración dos dereitos humanos marcou o arranque desta cita, que está a ser seguida por máis dun centenar de persoas presencialmente e por outro cento a través da internet.
Na inauguración, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva enxalzou a necesidade deste encontro e amosou a súa preocupación xa que "a igualdade hoxe non está no discurso político e se as mulleres non estamos na toma de decisións non poderemos facer transformacións".
"Nós temos a nosa axenda, a axenda feminista, a das mulleres, e non imos permitir que outras axendas impidan que poida avanzar a metade do mundo e transformar a sociedade", dixo a presidenta.
Despois do discurso da presidenta tivo lugar a mesa redonda "Violencia sexual como vulneración dos dereitos humanos. O papel das Nacións Unidas" na que a directora xeral de Igualdade do Goberno do Principado de Asturias, Nuria Varela fixo un repaso das distintas políticas de igualdade en España desde o punto de partida da Constitución ata o 2011, e subliñou que a pesar dos avances "importantísimos" que se teñen logrado "esta arquitectura da igualdade que se foi construíndo se foi desmoronando", apuntou, primeiro polos recortes trala crise do 2008, que reduciu entre 2009 e 2016 o orzamento dedicado á igualdade nun 46%.
Varela reclamou "máis orzamento e máis persoal" en primeiro lugar, amais de dar resposta á cuestións como a abolición da prostitución e trata e, sobre todo, "con instrumentos que posibiliten a transversalidade".
Pola súa banda a xurista feminista, escritora, docente e experta internacional en xénero e dereitos humanos, Alda Facio recoñeceu así mesmo que nos últimos tempos os avances en igualdade "parecen conseguidos" e estase a prestar maior atención "á discriminación do colectivo LGTBIQ+" en detrimento da que sofren as mulleres.
"Estase substituíndo igualdade por diversidade; agora non se usa a palabra igualdade senón a inclusión e a de non deixar a ninguén atrás. Hai unha confusión de axendas ou unha proposta de substitución da axenda da igualdade pola da diversidade, e a discriminación LGTBI+ é importante erradicala, pero axenda feminista e axenda da diversidade son distintas", dixo. "Só existimos como seres humanos desde hai 25 anos, e xa nos queren borrar", criticou.
A violencia sexual e a cultura da violación, a igualdade na universidade e os retos pendentes na docencia e investigación marcaron as mesas de debate da primeira xornada do II Encontro Nacional de Políticas Públicas.
A catedrática de Filosofía e coordinadora de "Comando Igualdade", Chis Oliveira e Priscila Retamozo, politóloga e coordinadora do proxecto coeducativo "Canteira de Igualdade", afondaron na "Violencia sexual en adolescentes". Ambas conferenciantes acercaron estratexias para substituír narrativas patriarcais e neoliberais por relatos feministas que procuren o pracer das mulleres e reclamaron combater a sexualidade machista para evitar a violencia sexual.
A continuación tivo lugar a mesa de debate sobre a "Violencia sexual, cultura da violación e da explotación sexual" na que interviñeron Luisa Posada, profesora titular de Filosofía da Universidade Complutense de Madrid, e Rosa Cobo, profesora da Universidade da Coruña.
Luisa Posada partiu da necesidade de entender que o problema da violencia contra as mulleres é tamén o problema do discurso ou do relato da cultura. Pola súa banda Rosa Cobo afondou na prostitución e na pornografía, dúas caras da explotación sexual inscritas no marco da violencia sexual. Para a profesora e escritora, ambas funcionan como mecanismos fundamentais de socialización e son tamén estratexias de desenvolvemento para que países que elixiron esta economía ilícita puidesen engancharse ao mercado global.
Xa pola tarde, o II Encontro de Políticas Públicas da Escola María Vinyals arrancou dando resposta á pregunta "Que lugar ocupan os estudos feministas na universidade?", coa participación de Soledad Murillo, profesora de Socioloxía da Universidade de Salamanca, e Rosa San Segundo, presidenta de EUFEM, a plataforma que agrupa aos centros e institutos de estudos feministas e de xénero.
Finalmente, o encontro pechou a súa primeira xornada cunha mesa de debate sobre "Igualdade na docencia e investigación: retos pendentes" na que participaron Isabel Menéndez, da Universidade de Burgos; Inma Pastor, da Universidade Rovira i Virgili de Barcelona; e Águeda Gómez, da Universidade de Vigo.
Relacionadas:
-
Quince recoñecidas expertas participarán no III Encontro Nacional sobre Políticas Públicas da Escola María Vinyals
Por Oskar Viéitez |
-
A Escola de Igualdade dá luz ás referentes femininas na innovación tecnolóxica
Por Redacción |
-
Alerta polo crecente número de casos de violencia machista entre menores de idade
Por Redacción |
-
O II Encontro Nacional de Políticas Públicas alerta sobre "o renacemento da misoxinia"
Por Oskar Viéitez |
-
"O 1 e o 2 de xuño Pontevedra volverá ser unha provincia de igualdade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Reivindican o traballo das mulleres no audiovisual para que o relato non siga a ser incompleto e desequilibrado
Por Redacción |
-
A gala de entrega dos premios 'Mulleres no Foco' celebrarase en Pontevedra a finais de setembro
Por Redacción |