Un foro de Adega expón alternativas na xestión de residuos porque "desengancharse de Sogama é posible"
Por Natalia Puga
"Desengancharse de Sogama é posible". Afírmao o secretario executivo da asociación ecologista Adega, Fins Eigrexas. Toda unha declaración de intencións que chega en pleno revuelo polo anuncio da empresa pública de que subirá un 34% o canon que cobra aos concellos galegos que lle teñen contratado o servizo e que utiliza como reclamo para invitar a responsables políticos e técnicos municipais a acudir ao foro europeo sobre residuos que se celebrará este venres 22 e sábado 23 no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
Fins Eirexas presentou o foro acompañado da edil pontevedresa Carme da Silva e ambos se mostraron críticos coa xestión de Sogama e a actitude do Goberno 'popular' da Xunta de Galicia ante o anuncio de subida do canon do lixo. Fronte a esta situación, o foro analizará alternativas na xestión de residuos sólidos urbanos que permitan aos municipios galegos non ter que contratar o servizo a Sogama.
Nos últimos días deuse a coñecer a postura dun grupo de máis de 80 alcaldes e concelleiros dispostos a rebelarse contra o tasazo e, ata, a protagonizar un encerro en sinal de protesta. O secretario executivo de Adega aplaudiu este desafío municipal e invitou a todos os que o secundan a acudir ao foro que se celebrará en Pontevedra, pois "explicarémoslle que non teñen que seguir pagando o lixo a prezo de ouro e manter contratos leoninos".
Unha proba de que en Ponteveda e a súa contorna "moitos confían en que é posible" é que entre os asistentes confirmados ao foro xa hai un bo número de responsables e técnicos municipais.
Fins Eirexas chámalles a que "veñan e vexan que hai alternativas", pois no foro expoñeranse experiencias que demostran que "pode haber tratamento de residuos moito máis económico". Neste punto, a edil pontevedresa Carme da Silva sinalou que, ademais, esas alternativas que se poñerán sobre a mesa no foro de Adega ofrecen un tratamento de residuos "mellor medioambiental e socialmente".
O programa inclúe ponentes que, segundo Carme da Silva, "son un luxo" e que, segundo Fins Eirexas, demostran que "non fai falta ir a Europa para atopar iniciativas e alternativas que funcionan, hai modelos aquí preto", como o que teñen en marcha en Lousame, da man da mancomunidade de concellos Serra do Barbanza. Unha das súas técnicas explicará o funcionamento o venres aos asistentes ao foro durante unha visita guiada.
O programa completo da actividade 'Cara unha sociedade da reciclaxe, iniciativas e experiencias' pode consultarse aquí.