A historia de coraxe e superación de Aarón "Thunder" González serve de inspiración aos internos da Lama
Por Redacción
A historia de superación persoal do boxeador marinense Aarón " Thunder" González, que superou o grave atropelo que sufriu cando tiña dez anos mentres esperaba ao autobús escolar e logrou converterse nunha das referencias do boxeo olímpico, chegou esta semana ao centro penal da Lama.
Na tarde deste xoves, proxectouse no salón de actos do centro o documental Devolvendo o golpe, no que o xornalista Carlos Prado aborda a historia do pentacampeón galego de boxeo, que logrou coroarse tres veces como campión de España.
Con motivo da proxección, visitaron o centro os dous coprotagonistas do documental, Aarón e a súa nai, Rosa María Diz, así como o director do documental. Despois de visionarlo, celebrouse un coloquio no que os internos se mostraron moi participativos.
A proxección chegou a ao redor de 100 internos e internas do módulo feminino, o módulo de respecto Nelson Mandela (13) e o módulo 5, no que se desenvolve o Programa de Atención Integral a Persoas con Enfermidade Mental ( PAIEM).
Tanto o documental como o coloquio posterior tiveron moi boa acollida por parte da poboación recluída, para a que este tipo de historias de coraxe e superación adoita servir de inspiración.
O documental estreouse o pasado mes de maio nas salas de cinema de Cinexpo Pontevedra, os Multicines Gran Arousa de Vilagarcía, o Multicines Norte de Vigo e no Cinema Seixo de Marín.
Devolvendo o golpe exhibiuse na pasada edición do festival de cinema internacional de Ourense e obtivo o premio do público e do xurado ao mellor documental no Festival Primavera do Cinema de Vigo; e o premio do xurado no Festival de Cinema Inclusivo de Vigo.
Relacionadas:
-
Profesores dunha prisión norueguesa inspíranse no programa educativo Nelson Mandela da Lama
Por Natalia Puga |
-
De Australia a Marín empuxado pola súa paixón polo boxeo
Por Redacción |
-
O camiño de 22 persoas internas na prisión da Lama para saír das adiccións
Por Redacción |
-
Dobrete de bronce no nacional para os boxeadores do Team Thunder Aarón González e Goyo Rubio
Por Redacción |
-
O boxeador que "devolveu os golpes" da vida e loitou contra o seu destino
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Devolvendo o golpe", o documental sobre o boxeador Aarón 'Thunder' González, chega ás salas este venres
Por Alejandro Espiño |
-
A historia de superación do boxeador Aarón González, a polos Mestre Mateo
Por Redacción |