Os traballadores da área sanitaria de Pontevedra chamados á folga o 10 de decembro
Por Oskar Viéitez
Os traballadores da Sanidade Pública acaban de convocar unha folga na Área Sanitaria Norte de Pontevedra.
A folga levarase a efecto dende as 00.00 horas do día 10 de decembro ata as 00.00 horas do 11 decembro. A convocatoria abrangue a todos os traballadores de Sergas da devandita área sanitaria.
O secretario dos Traballadores da Sanidade Pública, Cándido Sartier, xustificou esta medida de protesta "porque a Administración Sanitaria de Galicia está a promover implantación de áreas de xestión clínica, que o noso sindicato considera que son un elemento mais de privatización da xestión e da atención sanitaria, co que estamos en profundo desacordo".
Nunha rolda de prensa convocada este xoves, Sartier explicou que "ademáis se está a producir un recorte, sostido non tempo, do plantel de traballadores sanitarios e de xestión e servizos, e das contratacións que substitúen os traballadores do Sergas, que incide directamente na perda de calidade asistencial".
O obxectivo da folga consiste en protestar contra esta "liña de privatizacíon e de recortes da Administración sanitaria de Galicia coa intención de que sexan modificadas a favor dunha mellora das condicións laborais" dos traballadores e das prestacións sanitarias públicas.
TRES CONVOCATORIAS DE FOLGA
Dáse a coincidencia de que nestas mesmas datas hai outras dúas convocatorias de folga.
Os sindicatos médicos foron os primeiros en convocar en Galicia unha folga na sanidade pública para os días 9 e 10 de decembro, e tamén a CIG e Comisións Obreiras chamaron os máis de 33.000 traballadores da sanidade galega a secundar un paro por unha sanidade pública de calidade.
Os recortes salariais, o copagamento nos medicamentos, a xestión clínica, a escaseza de contratacións, a mobilidade de persoal entre servizos, a diminución de equipo, a redución de pagas extra, o recorte de salarios, o cómputo da xornada, as privatizacións de servizos son algunhas das razóns que segundo os sindicatos xustifican esta folga.
Relacionadas:
-
Arrancan dúas xornadas de folga na sanidade galega
Por Redacción |
-
Convocan unha 'Marea branca' en Pontevedra en defensa da Sanidade Pública
Por Oskar Viéitez |
-
CC.OO. móvese contra o "desmantelamento" da sanidade pública
Por Redacción |
-
CC.OO. critica a Xestión Clínica no Sergas que afectará os servizos de farmacia e dixestivo nos hospitais de Pontevedra
Por Redacción |