A inversión municipal en educación superou este curso os cen mil euros
Por Redacción
O Concello de Poio investiu ao longo da tempada 2021-2022 máis de 100.000 euros en diferentes servizos e prestacións que redundan en favor do tecido escolar do municipio.
A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, sinalou que estes investimentos céntranse na achega que se realiza para os comedores escolares, a partida para o funcionamento da Galiña Azul e a organización das ludotecas Campa Verán e Raxó Verán.
No que respecta ao servizo de comedor, a titular de Educación indica que a Administración municipal mantén a achega incrementada durante o curso lectivo anterior, no que se pasou de 0,75 euros por usuario ao 1,50 por cativo.
Con respecto á Escola infantil Galiña Azul, a liquidación correspondente á parte da tempada que remata neste 2022 ascendeu a un total de 48.526 euros.
Agora, unha vez rematado o curso, a Concellería de Educación ten previsto abrir, a partir do 1 de xullo, unha nova tempada de Raxó Verán e Campa Verán, cun investimento próximo aos 40.000 euros. Este luns 6 de xuño darase a coñecer o listado definitivo de admitidos.
Entre os investimentos realizados pola Concellería de Educación tamén hai que engadir os correspondentes ao impulso de actividades e programas como os realizados no IES e nos CEIPs, que versaron sobre o coidado do medio ambiente, a autoestima ou a educación afectivo-sexual.
Ademais, Raquel Rodríguez adianta que, como xa é habitual, o Concello tamén aproveitará a chegada das vacacións de verán, co cese da actividade, para levar a cabo os pertinentes traballos de reparación e mantemento que sexan necesarios cos centros educativos.