Últimas horas para apuntarse ao rastrexo infantil dos Jedi na Illa das Esculturas
Por María José Pita
Este sábado 11 de xuño, con motivo do día da familia, a ANPA Andaina do CEIP A Xunqueira II, coa colaboración da Concellería de Deportes e Educación de Pontevedra, levará a cabo un rastrexo infantil por equipos con compás.
Este evento tivo a súa primeira edición antes da pandemia e, tras o parón obrigado, retoma a actividade nesta ocasión coa temática da saga de Star Wars, de aí o título da proba neste 2022: 'Os Jedi en Pontevedra'.
O rastrexo desenvolverase o sábado 11 de xuño a partir das 9:00 horas, con saída desde o patio do CEIP A Xunqueira II e cun percorrido que discorrerá pola Illa das Esculturas.
Poderán participar neste rastrexo todos os nenos e nenas que estean cursando Primaria en calquera centro educativo do concello de Pontevedra. O último día para inscribirse é o mércores 8 de xuño a través do enlace anpaandaina.wordpress.com ou do teléfono 686 793 337. O prezo é de 1 euro por persoa.
Cada equipo estará composto por un mínimo de 6 e un máximo de 10 participantes, dous dos cales serán adultos, e deberá ir equipado cun compás magnético (brújula en castelán, non sirve a do teléfono móbil), un caderno e un bolígrafo. Ademais, o capitán, que será un adulto, levará un chaleco reflector.
"O percorrido o irán descubrindo seguindo os puntos de compás que lles serán entregados na saída. Ademais, ao longo do itinerario deberán atopar as letras que andarán agochadas para formar unha frase con elas ao chegar ao final", explica a organizadora da proba, Carolina Souto, membro da ANPA Andaina, nun acto de presentación no que estivo acompañada polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes e Educación, Tino Fernández, e a secretaria da ANPA, Natalia Alonso.
"Nós dámoslles un papeliño ao saír e teñen unha serie de puntos marcados de compás agochados por aí, e cando atopen un, deben seguir os graos que se lles marcan e seguir o compás. Nese percorrido irán atopando probas físicas, de pericia, de picardía, de equipo, de compañeirismo... É importante que os rapaces volvan desfrutar de estar ao aire libre, da natureza, da Illa das Esculturas, que a temos aí ao lado e é un paraíso. Ademais, os adultos van de capitán, pero o que porta o compás vai ser sempre un neno e son eles os que realizan as probas", completaba Carolina Souto.
Tino Fernández agradeceu o esforzo do CEIP A Xunqueira II "por sacar adiante este tipo de iniciativas que nos axudan a animarnos despois dunha pandemia que nos deixou bastante tristeza e depresión e que tamén serven para aplicar coñecementos". Engadía o edil socialista que "se o vencellamos ademais a Star Wars, para un que é un fanático dese tipo de películas, e nun espazo fantástico como a Illa das Esculturas, pois a verdade é que anima moito".
Dende a organización explican que haberá premios para os tres primeiros clasificados e algunha sorpresa, como a presenza de personaxes da saga Star Wars. Así mesmo, á metade do percorrido haberá un avituallamento grazas á colaboración, un ano máis, do Grupo Froiz con este evento que concentra a un gran número de familias.