Os sanitarios da UCI de Montecelo reciben pautas de autocoidado emocional
Por Redacción
O hospital pontevedrés de Montecelo acolleu unha xornada para promover o benestar emocional dos traballadores sanitarios das unidades de coidados intensivos.
Esta sesión formativa encádrase no "Programa de equipos saudables", que promove o Servizo Galego de Saúde (Sergas), que, á súa vez, forma parte no "Plan de atención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde", co que se intenta recoñecer o labor dos profesionais sanitarios e promover o seu autocoidado emocional.
As actuacións do proxecto céntranse principalmente en dous aspectos: desenvolver materiais gráficos sobre as habilidades de comunicación, liderado saudable e resolución de conflitos, e realizar accións formativas en distintos ámbitos e formatos.
Segundo informan desde a Consellería de Sanidade, a crise ocasionada pola covid fixo imprescindible adoptar medidas específicas para reforzar a calidade do sistema sanitario. Por iso o Plan trata de establecer unha comunicación interna eficaz e unha escoita activa, brindar acompañamento psicolóxico aos profesionais e promover o liderado saudable e o traballo en equipo.
Ademais, actualmente estase desenvolvendo a segunda fase do programa de transformación directiva, co que se inclúe un espazo de desenvolvemento persoal e individualizado de competencias de liderado.
PLAN DE ATENCIÓN PSICOSOCIAL
Ademais do investimento en formación, o "Plan de atención psicosocial para o apoio e atención ao persoal do Servizo Galego de Saúde" expón outras iniciativas que contribúen a minimizar o impacto da pandemia na saúde e promover o autocoidado e benestar emocional do persoal de sanidade.
Unha das medidas que máis acollida tivo entre os profesionais e o público en xeral, indican desde o Sergas, foi a apertura de distintas canles de comunicación para facer chegar aos profesionais o sentir da cidadanía, e onde se recolleron máis de 18.000 mensaxes de agradecemento. Cada profesional recibiu unha carta de agradecemento polo seu traballo e compromiso dende a dirección do Servizo Galego de Saúde.
Ademais, para promover o autocoidado emocional, programáronse 12 conferencias ao longo do ano 2021, as cales contaron con máis de 37.000 visualizacións. En marzo deste ano tamén se puxeron en marcha catro cursos de autoformación nos que se ampliaban os contidos das conferencias do segundo semestre de 2021.
Por último, púxose en marcha un programa de apoio e acompañamento psicolóxico, creándose en cada unha das sete áreas sanitarias un equipo con profesionais de psicoloxía clínica e de psiquiatría que levan máis de 300 intervencións co persoal.
Relacionadas:
-
RADIO.- 'A min tamén me pasa' trata a visibilización e normalización dos problemas de saúde mental
Por Redacción |
-
PontevedraViva Radio estrea 'A min tamén me pasa', un podcast de psicoloxía e sexualidade con perspectiva de xénero
Por Redacción |
-
Un home de 96 anos, sexto falecido con covid-19 en xuño e vítima 297 da pandemia na área sanitaria
Por Natalia Puga |