O Servizo de Aparello Dixestivo de Montecelo, líder galego na busca dun tratamento para o fígado graxo
Por Redacción
No Día Mundial da Enfermidade Hepática Metabólica, que se conmemora este xoves 9 de xuño, o servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra lembra que esta patoloxía afecta a uns 10 millóns de persoas en España, cifra que probablemente sexa maior, xa que está infradiagnosticada.
A enfermidade hepática metabólica -ou fígado graxo- é unha patoloxía para a que aínda non hai tratamento e que xa se considera a terceira causa de cancro hepático, podendo chegar a ser a principal causa nos vindeiros anos. Neste contexto, dende a Área Sanitaria inciden na importancia da prevención e a sensibilización para atallar estas cifras de epidemia.
Malia que nun principio esta patoloxía non adoite presentar síntomas, co paso dos anos esta condición pode chegar a producir unha cirrose. "O fígado graxo é unha enfermidade que actúa coma unha escaleira, na que a inflamación do fígado está no punto medio e cuxo último chanzo é a cirrose ou o cancro, podendo requirir un trasplante", explica o doutor Juan Turnes, xefe do servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
Dende este servizo se aproveita este Día Internacional da Enfermidade Hepática Metabólica para tentar eliminar os prexuízos que afectan ás persoas co fígado graxo, subliñando que esta doenza non ten por que vincularse ao consumo abusivo de alcohol e que tampouco determínase pola morfoloxía corporal do paciente. Aínda que a obesidade, a diabetes e o colesterol alto sexan factores desencadeantes.
"Malia que se soe asociar fígado graxo con obesidade, non todas as persoas con obesidade ou exceso de peso teñen fígado graxo, nin todas as delgadas están libres de padecelo; de feito, unha de cada cinco persoas con fígado graxo ten un peso normal", salienta o doutor Juan Turnes.
Dende a Oficina de Proxectos de Investigación do Servizo de Aparello Dixestivo, o Hospital Montecelo acolle unha quincena de ensaios clínicos que teñen por obxectivo atopar un tratamento eficaz para abordar a enfermidade hepática metabólica.
"En Galicia somos o centro que máis ensaios clínicos acolle sobre esta patoloxía, temos unha quincena de ensaios clínicos en marcha e traballamos en modelos innovadores de atención e tratamento para estes pacientes", apunta Sandra Daponte, coordinadora da Oficina de Proxectos de Investigación do Servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario pontevedrés.
Malia que non se comercialice actualmente ningún fármaco eficaz contra esta patoloxía, "hai moitos ensaios clínicos nesa dirección, con resultados preliminares moi prometedores; nos vindeiros anos podería dispoñerse de varios fármacos para a meirande parte das persoas afectadas por esta condición", indica Sandra Daponte.
Mentres se acada a diana terapéutica axeitada para tratar o fígado graxo, a coordinadora da Oficina de Proxectos de Investigación deste servizo insta a apostar pola dieta mediterránea e a actividade física regular durante, alomenos, 30 minutos diarios.
Campañas coma o plan 'Obesidade Zero', lanzado pola Xunta de Galicia tamén apuntan nesta dirección, tentando reducir os problemas de exceso de peso e, por ende, a incidencia de enfermidades coma o fígado graxo, animando á poboación a manterse activa con hábitos sinxelos, coma, por exemplo, camiñar a un ritmo que permita falar, pero non cantar.
O pasado 7 de xuño o Congreso dos Deputados acolleu unha mesa presidida pola súa vicepresidenta, Ana Pastor Julián, na que a Asociación Española para el Estudio del Hígado (AEEH) reivindicou a importancia de dar a coñecer esta patoloxía á sociedade.
A AEEH, organismo do que o doutor Juan Turnes é responsable de Comunicación, aproveitou este acto para salientar datos relevantes sobre esta "epidemia silenciosa", coma, por exemplo, que España ten unha prevalencia de fígado graxo claramente crecente, ou que en países como EE.UU. esta é xa a principal causa tanto de cancro de fígado coma de transplante hepático. No acto, no que participaron todos os partidos políticos con representación parlamentaria, acadouse un consenso unánime para a loita contra esta enfermidade.
Relacionadas:
-
O maior consumo de alcol durante a pandemia augura un aumento de doenzas hepáticas na área sanitaria
Por Redacción |
-
Máis dun centenar de comercios colaboran na "cea solidaria" da asociación contra o cancro
Por Redacción |
-
A Asociación Contra o Cancro celebrará a súa Cea Solidaria o 22 de xullo no Liceo Casino
Por Redacción |
-
Unha empresa de Verducido reduce ata nun 90% os gases de efecto invernadoiro que emite o xurro das granxas de vacún
Por Redacción |
-
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés recibe a 48 novos residentes
Por Redacción |
-
O CHUP lembra a importancia de participar nos cribados contra o cancro colorrectal
Por Redacción |
-
Alertan do aumento de casos de enfermidade de Crohn e colite ulcerosa entre poboación nova de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, primeira área sanitaria galega que trata a obesidade con gastroplastia endoscópica
Por Redacción |