A Asociación Galega de Artesáns xestionará a Feira de Artesanía de Portonovo
Por Redacción
Turismo de Sanxenxo acaba de adxudicar a xestión da Feira de Artesanía de Portonovo á Asociación Galega de Artesáns (AGA). O colectivo que conta cunha ampla experiencia na organización de citas deste tipo como a Mostrart da Coruña ou a Feitoaman de Vigo obtivo a mellor puntuación no proceso selectivo.
Sanxenxo ofrecerá un novo modelo de feira baseado en produtos de proximidade e de calidade que non supoñan unha competencia para o comercio local e que sexa un reclamo turístico.
A AGA encargarase da xestión e montaxe. Serán en total 30 casetas cunha dimensión de 3x2 metros, con paneis de cor branca e un rótulo en vinilo de cor negra co nome do expositor. O teito conta cunha prolongación na parte dianteira para achegar sombra e evitar a entrada da choiva.
Complementariamente a adxudicataria contempla a colocación de jaimas de 5x5 que darían unha cobertura engadida para a protección contra posibles inclemencias meteorolóxicas e asegurarían un espazo de paseo de 3 metros de profundidade con protección para o sol.
En canto á selección de expositores, a AGA abrirá un proceso no que se incluirán as condicións para participar, os custos e o sistema para presentar documentación que deberá ser sempre por vía electrónica.
A feira abrirase o 15 de xullo ao 31 de agosto. O horario de apertura das casetas será de seis da tarde a unha da madrugada e ampliarase as fins de semana cunha quenda matinal de doce do mediodía a dous da tarde. Os interesados poderán contratar o prazo completo de apertura ou por semanas naturais.
Ademais, a Asociación Galega de Artesáns inclúe na súa memoria de actividades a realización de talleres inscritos no rexistro xeral de artesanía e encargarase da contratación do servizo de vixilancia e do mantemento das casetas.
Relacionadas:
-
A feira OFeitoaman Sanxenxo contará con creacións dun total de 40 obradoiros de artesáns
Por Redacción |
-
As estradas PO-308 e PO-364 ao seu paso por Portonovo xa son competencia do Concello
Por Redacción |
-
O turismo na provincia bateu o récord esta Semana Santa superando os rexistros do 2019
Por Redacción |