Xa se poden solicitar permisos para facer cacharelas e grelladas en Poio na noite de San Xoán
Por Redacción
Deste este venres a veciñanza xa pode solicitar os permisos para o prendido de cacharelas e a realización de grelladas, no caso da hostalería, durante a noite de San Xoán.
Como principal novidade con respecto a 2020 e 2021, nesta ocasión autorízanse as fogueiras en lugares privados e tamén públicos, se ben haberá que cumprir en todo momento cos requisitos de seguridade pertinentes. No caso dos areais, permitirase o prendido de cacharelas exclusivamente na praia de Lourido, Raxó, a do Laño, Ouriceira, O Padrón e Campelo.
As instancias pódense cubrir a través da Sede Electrónica do Concello. No caso de optar pola vía presencial, requirirase cita previa.
O prazo pecharase o vindeiro venres, 21 de xuño. Posteriormente, do 22 ao 26, abrirase un novo período de solicitudes para as cacharelas e grelladas de San Pedro (28 de xuño).