Condutor sen carné reincidente na Illa. Danlle o alto por terceira vez en poucos meses, e dá positivo en drogas
Por Diego Espiño
A Policía Local da Illa de Arousa observa a manobra errante dun vehículo e procede a consultar os seus datos comprobando que non conta co seguro de circulación obrigatorio.
Ata aí pode ser unha das moitas intervencións que realizan os axentes no seu día a día, pero esta vez non deixa de ser rechamante. O motivo é que o condutor do vehículo é un reincidente na infracción de conducir sen carné.
Sucedeu durante a tarde deste venres á altura da rúa Valle-Inclán, causando certa sorpresa na Policía ao dar o alto ao turismo atoparse cun veciño da localidade, de 52 anos, que xa fora sorprendido en situación similar dúas veces en poucos meses e que debe enfrontarse a próxima semana a un xuízo rápido debido a iso.
Os axentes, tras proceder á súa identificación e comprobar que seguía sen contar con permiso de circulación ao non ter sacado nunca o carné, atopáronse ademais unha nova sorpresa nesta ocasión, e é que o home foi sometido a un control de alcol e outro de drogas dando positivo neste último por cocaína, anfetamina e metanfetamina.
Só este feito, de ser confirmado polo laboratorio ao que se enviaron as mostras, supoñerá unha sanción de 1.000 euros e seis puntos no carné de conducir, cando o consiga, ao que se suman os 1.500 euros que se lle van a impoñer pola infracción administrativa de conducir sen seguro e a máis que previsible condena por conducir sen carné. A este respecto este veciño da Illa, acusado dun presunto delito de condución sen carné co agravante de reiteración, enfróntase a unha posible pena de prisión de tres a seis meses ademais dunha importante multa.