Unha parella de Meis, investigada por un presunto delito de abandono animal
Por Redacción
A Patrulla do Seprona da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa investiga penalmente unha parella de mozos veciños de Meis como supostos autores dun delito de abandono animal.
Aos dous atribúeselles a presunta responsabilidade da morte dun can e a desnutrición doutro, que foron localizados no interior dunha leira en Cambados.
Tras ter noticias do abandono dos animais, os axentes do Seprona inspeccionaron a leira atopando a un dos cans mortos en avanzado estado de descomposición, mentres que o outro estaba atado cunha cadea de metro e medio de lonxitude sen acceso a comida e con evidentes síntomas de desnutrición, ao que se sumaban as malas condicións hixiénicas e sanitarias.
A Garda Civil solicitou a colaboración do Refuxio de Animais de Cambados, que se fixo cargo do can aínda vivo para a súa recuperación e tamén do cadáver para proceder á súa análise. Tamén se contou coa colaboración do persoal técnico da concellería de Medio Ambiente do Concello de Cambados.
Un reflexo do mal estado dos animais é o feito de que tanto a veterinaria como efectivos do Seprona tiveron que recibir asistencia médica por mor das picaduras das pulgas que había na contorna onde se atopaban os animais.
As investigacións abertas concluíron coa localización e identificación dos responsables dos cans, a quen se lles notificou a súa condición penal de investigados como presuntos autores dun delito de abandono de animais. As dilixencias instruídas entregáronse no Xulgado de Instrución de garda de Cambados.