Dez meses de rodas picadas e coches raiados
Por Natalia Puga
A primeira hora da mañá do xoves o propietario da empresa Transportes Ojea da rúa Juan Bautista Andrade encontrouse con que unha das súas furgonetas tiña as rodas picadas e chamou á Comisaría. A Policía Científica trasladouse ata o seu negocio e corroborou que o vehículo tiña varios rachados en tres rodas. Podería terse tratado dun feito illado, pero no caso deste pontevedrés é o culmen de dez meses de problemas similares. En febreiro sufriu o primeiro dano nas súas propiedades e dende entón presentou tres denuncias (catro coa deste xoves) e contabiliza máis dunha decena de incidentes.
A primeira denuncia remóntase ao 15 de marzo. O propietario da empresa acudiu á Comisaría e relatou que dúas semanas antes alguén empezara a realizar distinto tipo de danos nos vehículos da firma, dedicada á mensaxería.
Un Fiat foi o primeiro obxectivo dos vándalos e a finais de febreiro apareceu unha mañá coas catro rodas picadas e varios raiados na carrocería. A partir de aí, varios dos seus coches e os da súa familia non deixaron de ser pasto os vándalos.
Ao longo do mes de marzo alguén raiou o vinilo co nome da empresa que ten no escaparate do negocio con gravou a palabra 'blankeo', raiáronlle o lateral de varias furgonetas e picárono as rodas de varios vehículos. A raíz diso, instalou cámaras de vixilancia, pero non localizaron aínda os autores.
Xa naquela primeira denuncia sinalaba que tiña sospeitas de quen podería ser o autor de todos os danos, pero non se encontraron probas contundentes que o acusen. Si apareceron varias puntas escondidas nun sumidoiro próximo.
Teñen danos nas rodas, carrocerías e o escaparate de entre 7.000 e 8.000 euros
Non rematou aí. Tivo un breve período de tempo de tranquilidade, pero o 30 de xullo tivo que regresar e presentar unha segunda denuncia. Nese caso relataba incidentes rexistrados en tres días consecutivos co sinal de vado da súa empresa como vítima de distintos danos e, ao terceiro día, un Hyundai co lateral raiado.
Pasado o verán, volveron os problemas e o día 13 volveu á Comisaría para denunciar danos nas rodas de cinco vehículos. Algunha roda chegou a presentar ata catro navalladas.
Nin unha semana pasara cando Francisco José Izquierdo Ojea tivo que chamar de novo á Comisaría polos danos da noite do mércores ao xoves. Tras tanto incidente, xa perdeu a paciencia, está "harto" porque "esto ya no es una gamberrada".
O dano "moral" é moi grande e tamén as perdas económicas e gastos. Xa só en rodas, vinilos e chapa e pintura, os danos chegan aos 7.000 ou 8.000 euros. 3.000 deses euros foron xa a semana pasada tan só en cambiar as rodas picadas.