Acción en Foresa para saber como enfrontarse a un incendio con material inflamable
Por Redacción
A empresa Foresa, en Caldas de Reis, desenvolvía durante este luns un simulacro para activar o Plan de Emerxencia Exterior (PEE) para comprobar a coordinación dos grupos operativos e administracións implicadas no caso de emerxencia. Ata as instalacións desprazábase Santiago Villanueva, director xeral de Emerxencias e Interior, e Luís López, delegado territorial da Xunta en Pontevedra.
No operativo, ademais da Xunta de Galicia, colaboraban os concellos de Caldas de Reis e de Portas coa intención de comprobar que pasos débense realizar no caso de que se produza unha emerxencia real fortalecendo a operatividade e a coordinación. Segundo os responsables autonómicos, o resultado foi positivo.
Para desenvolver a proba estableceuse un simulacro no que se producía unha vertedura de acetato de vinilo na cuba pequena de retención por superación do depósito ou a rotura da tubaxe. Isto provocaba un incendio con material inflamable cunha radiación térmica que afectaba a un operario.
En todo o operativo interviña tanto o persoal de Foresa como efectivos do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios e Salvamento do Salnés, Policía Local, Policía Autonómica, membros do Centro Operativo de Servizos (COS) para a seguridade cidadá e do Centro Operativo de Tráfico (COTA) da Garda Civil; o 061; e persoal voluntario das Agrupacións de Protección Civil de Caldas de Reis e de Portas.
O procedemento iniciábase coa directora de fábrica alertando ao Centro de Emerxencias 112, despois de activar o Plan de Emerxencia Interior. Solicitábase comunicación co técnico de garda ao que se informaba do accidente e a brigada de primeira intervención da planta trasladábase ata a zona. O Plan de Emerxencia Exterior era activado polo director xeral, unha vez que a situación é avaliada polo xerente da Axencia Galega de Emerxencias. A partir dese momento procédese a dar aviso a todos os organismos con funcións dentro deste Plan.
Desde a Xunta entenden que esta aposta pola prevención é a mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Estes exercicios, segundo indican, permiten ofrecer á poboación da zona as medidas de autoprotección que se deben executar en caso de incidencias.