Alertan da "precariedade" da atención no centro de saúde de Cuntis, que o venres quedou sen médico
Por Redacción
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, alertou este luns da situación de "precariedade sanitaria" na que se atopa desde o pasado venres o centro de saúde da localidade.
A situación máis complicada viviuse o venres, cando houbo momentos nos que o centro quedou "desatendido totalmente". Desde aquel día, tan só está traballando un dos tres facultativos habituais adscritos ao centro. Un está de vacacións e o outro, de días libres.
Segundo explicou o alcalde, a única doutora en activo tivo o venres que atender urxencias fora do centro e acompañar algún traslado o que fixo que non quedara ninguén para atender aos pacientes que acudiron en busca dun médico.
Manuel Campos comunicou este luns ao xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, a "gravidade" do sucedido e amosou o "total rexeitamento" do goberno local de Cuntis a esta situación, que consideran "intolerable".
O alcalde daralle traslado da situación tamén aos portavoces dos diferentes grupos municipais, aos que solicitará respaldo na defensa dunha atención primaria sanitaria de calidade á que teñen dereito todos os veciños e veciñas de Cuntis.
Campos ve nesta situación un problema "transcendente" e advirte que "coa saúde da nosa xente non imos consentir que ninguén xogue".
O rexedor recorda á Consellería a súa obriga de substituír as vacacións do persoal médico a fin de garantir unha sanidade de calidade. "Non quero entrar en polémicas pero isto é consecuencia dunha política sanitaria que nunca priorizou a saúde dos cidadáns", sinalou a través dun comunicado.
Ademais, fixo referencia á proposta do Concello de Sanxenxo de ofrecer vivenda de vacacións nun dos destinos turísticos máis cotizados de Galicia aos médicos que, en comisión de servizo, escollan esta vila para exercer en verán. Considérao "un novo disparate e unha clara discriminación aos municipios do rural".
Pregúntase como é posible que a Consellería de Sanidade autorice unha proposta dese calado: "é máis importante atender aos turistas que veñen de fora que á veciñanza dos municipios rurais e pequenos? Isto é unha clara discriminación e unha mostra máis do que lle importa ao PP e á Consellería a saúde dos galegos".
Relacionadas:
-
Rebelión en Cuntis pola "nefasta" situación sanitaria: sen médico estes días e sen cita ata o 10 de xaneiro
Por Natalia Puga |
-
Nova xornada sen médicos no centro de saúde de Cuntis
Por Redacción |
-
Executan tarefas de mantemento no centro de saúde de Cuntis
Por Redacción |
-
O BNG convoca unha concentración en defensa do PAC de Caldas
Por Redacción |
-
Nais e pais de Cuntis entregan máis de 1.600 sinaturas para reclamar a volta do pediatra
Por Redacción |
-
Denuncian máis de oito dias de agarda para unha cita co médico de saúde en Cuntis
Por Redacción |