As praias de Bueu terán socorristas entre o 1 de xullo e o 15 de setembro
Por Redacción
Cinco serán as praias de Bueu que terán socorristas este verán. Son as de Area de Bon, Lagos, Banda do Río, Portomaior e Lapamán, todas elas con bandeira azul.
A intención do goberno municipal é que o servizo estea operativo entre os días 1 de xullo e 15 de setembro, segundo consta no contrato que acaba de saír a licitación.
As empresas interesadas en xestionar este servizo deberán presentar as súas ofertas antes do próximo 21 de xuño, sobre un orzamento base de case 121.000 euros.
A que sexa seleccionada terá que contar con 15 socorristas a xornada completa de luns a domingo e un coordinador tamén a xornada completa durante toda a semana.
O Concello defende que este contrato é necesario porque a administración municipal carece de persoal especializado e coa titulación adecuada no seu cadro de persoal, polo que non lle resulta posible prestar ditos servizos con medios propios.
Ata o de agora se cubría este servizo a través dunha contratación laboral, pero a nova normativa laboral aprobada polo Goberno, segundo a edil de Turismo, Silvia Carballo, "impide que se poida seguir levando a cabo desa forma", de aí que licitara este contrato pola vía de urxencia.