Cuntis habilita un servizo de asesoramento para acceder a axudas á rehabilitación, alugueiro e compra de vivendas no rural
Por Redacción
Axudar aos veciños do municipio para coñecer con detalle os programas estatais de acceso a vivenda ou guialos no proceso de tramitación das subvencións que se convoquen para alugueiro ou rehabilitación é o obxectivo do novo servizo de asesoramento habilitado no Concello de Cuntis.
A administración local poñerá a disposición dos veciños persoal especializado para que todo o que o desexe solicitar axudas sen desanimarse pola documentación necesaria.
Ademais, para os interesados nestes asuntos sobre vivenda, convocouse unha charla este próximo xoves 16 de xuño ás 19.00 horas, na biblioteca municipal, na que se falará das axudas á rehabilitación, alugueiro e compra de vivendas financiadas polo Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 e Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno do Estado. Será impartida por unha arquitecta especializada e fará un repaso de todas as axudas vixentes, aquelas que aínda están por saír e dos requisitos mínimos que deben cumprir as persoas para resultar beneficiarias.
Ao final desta charla daranse a coñecer as características do novo servizo de asesoramento que o Concello poñerá a disposición da cidadanía para o asesoramento na tramitación das diferentes axudas e subvencións, nas que se inclúen obras de mellora da eficiencia enerxética ou da accesibilidade, tramitación de bonos de alugueiro ou compra de vivendas no rural.
Para recibir cita para asesoramento será necesario solicitalo previamente chamando aos teléfonos 986548708 ou 986532579.