Desdobrar a Avenida de Vigo, a obra "máis ambiciosa da década", permitirá unha "total transformación" da zona
Por Alejandro Espiño
ÿ a obra "máis grande e ambiciosa" desta década, segundo o Concello de Pontevedra. Así describe o concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará, o proxecto de desdobramento da Avenida de Vigo. Non só pola construción do novo vial, xa previsto no convenio co Ministerio de Fomento, senón por todas as melloras que o goberno municipal pretende incluír na adxudicación e que supoñerán unha "total transformación" desta zona da cidade.
Investiranse 4,6 millóns de euros que, sumadas as expropiacións necesarias, chegarán ata os 7 millóns. Supoñerá, dixo Bará, unha "reordenación completa da zona sureste da cidade", que quedará totalmente integrada no modelo urbano de Pontevedra. En canto as melloras propostas, valoradas en case 1,2 millóns, supoñerán a reforma, entre outras, das rúas Estación e Luís Seoane e a vella Avenida de Vigo.
As actuacións propostas son as seguintes:
- Acceso directo desde o Nó do Pino ao novo vial. Trátase dun ramal co que, a proposta de Fomento, inténtase que o tráfico que chega desde O Marco xa non teña que chegar ata o nó e acceda directamente ao carril de entrada na cidade. Costa 291.000 euros.
- Reforma de Luís Seoane. Reurbanizarase por completo o treito entre a Avenida de Vigo e o novo vial, aproveitando para conectalo cos servizos xa existentes nas proximidades. Estes traballos están valorados en 66.900 euros.
- Ampliación da senda do Gafos. A petición da asociación Vaipolorío, aproveitarase para continuar a senda fluvial cara ao outro lado da estación de autobuses, pasando por baixo da ponte. 48.100 euros que permitirán mellorar a conexión desta zona co paseo de Salcedo e Tomeza.
- Mellora do paso peonil entre Avenida de Vigo e Estación. Trátase dunha zona na que se substituirá o pavimento, actualmente moi irregular, e renovarase a iluminación e a rede de pluviais. Destinaranse a este concepto uns 22.300 euros.
- Reforma integral da Avenida de Vigo. Dividirase en dous partes, por unha banda a reforma entre a rotonda con Fernández Ladreda (que desaparecerá, reordenando o tráfico nesa intersección) e a rúa Luís Seoane; e por outro, desde Luís Seoane ata o Nó do Pino. Adoptará o modelo aplicado no principio da rúa, beirarrúas máis anchas, tratamento arborado e un único carril de circulación, que terá dirección saída da cidade. Entre ambas investiranse 865.000 euros.
A todas estas actuacións hai que sumar a principal deste convenio con Fomento, o propio desdobramento, que permitirá crear un vial de 500 metros paralelo á actual avenida de Vigo, e que unirá O Pino coa rúa Estación. Contará con beirarrúas de 3,5 metros, un carril de saída e dúas de entrada á cidade, así como zonas de aparcamento e unha senda peonil e ciclista. A zona quedará pois con dous carrís de saída e dous de entrada á cidade.
Toda esta obra licitarase nun único contrato, polo que se espera a concurrencia de grandes empresas ao ser "moi goloso" para as contrutoras, segundo Luís Bará. O obxectivo é poder adxudicar estes traballos a próxima primavera e que algunhas destas obras, especialmente a reforma da rúa Estación e o desdobramento, poidan estar finalizadas antes de que finalice o actual mandato en 2015.
A última obra en afrontarse será a reforma da actual Avenida de Vigo, que non se poderá reurbanizar ata finalizar co desdobramento. "Haberá algún traballo que terá que aprazarse ata a anualidade de 2016", explicou o concelleiro nacionalista. Todos estes traballos iranse explicando e consensuando con veciños e comerciantes da zona en próximos meses, aínda que recordou que as "liñas básicas" xa se trasladaron nun encontro no IES Torrente Ballester.
CRITICAS DO PP POLA CONEXIÿN COA ESTACION
Ante as críticas do Partido Popular pola ausencia da conexión directa deste novo vial coa estación de autobuses, Luís Bará insistiu en que se non está incluída neste proxecto "non foi por falta de vontade do goberno municipal". Insistiu en que se a Xunta quere executar esta conexión "prestaremos toda a nosa colaboración", pero asegurou que a postura dos populares responde a que "están preparando a súa oposición a estes traballos".
"Ao PP non lle gusta nada esta obra e xa están pensando en poñer todos os atrancos posibles", afirmou Bará. "Están ensinando o plumeiro e situándose contra estes traballos". Neste sentido, pediulle aos concelleiros populares que se queren interceder ante a Xunta fágano coa reforma da estación de autobuses, "a maior vergoña da cidade en canto a equipamentos". Recordou que está nun estado de "abandono alarmante".
Relacionadas:
-
As ofertas para o desdobramento da avenida de Vigo péchanse en 17
Por Redacción |
-
O desdobramento da Avenida de Vigo, listo para a súa licitación
Por Alejandro Espiño |
-
A "gran transformación urbana" da contorna da Avenida de Vigo será adxudicada "antes do verán"
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello incluirá a mellora da avenida de Vigo na licitación das obras do desdobramento
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
O desdobramento da Avenida de Vigo e o acceso directo á estación poderían executarse á vez
Por Alejandro Espiño |
-
Luz verde de Fomento ao desdobramento da Avenida de Vigo
Por Alejandro Espiño |