Unha aplicación móbil monitorizará as prazas de aparcamento para persoas con discapacidade en Caldas de Reis
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis avanza na mellora da accesibilidade coa posta en funcionamento dunha novidosa aplicación móbil gratuíta, Parking Gapp, que permite monitorizar mediante sensores unhas 25 prazas de aparcamento habilitadas no casco urbano para persoas con discapacidade.
O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, comprobou cos responsables da empresa adxudicataria, Pablo Mansilla e Adriano Marques, a implantación deste novo servizo e o funcionamento da propia aplicación, que servirá tanto para a veciñanza de Caldas e da contorna, como para visitantes e turistas con máis dificultades para localizar as prazas de aparcamento.
A monitorización das 25 prazas realízase mediante sensores colocados sobre o asfalto que detectan se un vehículo está aparcado ou non, e o usuario obtén a información en tempo real a través da aplicación móbil gratuíta e pode coñecer onde atopar unha praza libre para persoas con discapacidade. Ao mesmo tempo, o Concello disporá da información sobre a utilización de cada praza de aparcamento e poderá xestionar a súa distribución de xeito máis eficiente en función da ocupación.
A aplicación foi deseñada pola empresa galega Imagina Ingenio e xa funciona en municipios como Nigrán ou Beasaín con notable éxito, e Caldas de Reis é o terceiro municipio en implantala.
Manuel González, subliña que "con este novo servizo baseado na utilización das novas tecnoloxías queremos facilitar a vida das persoas con discapacidade, e avanzamos na política de accesibilidade universal establecida no Plan de Mobilidade Urbana Sostible que é unha prioridade para o equipo de goberno".
O Concello pon a disposición da cidadanía o teléfono de avisos do Concello, no número 647574316, e o email avisos@caldasdereis.com para axudar ás persoas interesadas na descarga e utilización desta nova aplicación móbil, e tamén para solicitar todo tipo de melloras en materia de accesibilidade nos espazos públicos da vila, que o Concello intentará atender coa maior celeridade posible.