Os farmacéuticos premian a Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares
Por Redacción
Os farmacéuticos de Pontevedra reuníronse con ocasión do I Encontro Farmacéutico 2022, tras dous anos de pandemia. Máis de 250 persoas déronse cita na Toxa no acto farmacéutico de entrega de diplomas, recoñecementos e galardóns.
Ademais de darlles a benvida aos novos colexiados e homenaxear ás persoas que colaboraron dunha forma especial co Colexio e os seus colexiados, o acto culminou coa entrega dos I Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra.
"O obxectivo destes premios é recoñecer o papel que as asociacións de pacientes desempeñan na mellora da calidade de vida das persoas afectadas, dos seus familiares e dos seus coidadores, e poñer en valor o seu labor para dar a coñecer as necesidades sanitarias do colectivo ao que representan", sinalou a presidenta do Colexio, Alba Soutelo.
"Este é un paso máis do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra para ampliar o seu compromiso coa sociedade e avanzar na consecución dunha alianza estratéxica da profesión farmacéutica cos pacientes", engadiu.
"Cada ano destacaremos a unha asociación de pacientes para darlle unha maior visibilidade ao labor que realiza. Algo que xa estamos a facer desde novembro de 2019 na revista colexial Enclave de Salud, antes Salud Viva, que conta cunha sección dedicada ás asociacións de pacientes", comenta Alba Soutelo.
Nesta primeira edición dos Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes, o galardón foi outorgado á Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares, ASEM Galicia.
ASEM Galicia está formada por afectados, familiares e outras persoas que, de forma desinteresada, levan a cabo a tarefa de apoiar e orientar aos pacientes con enfermidades neuromusculares. Unhas enfermidades consideradas enfermidades raras e que a asociación contribúe a mellorar a calidade de vida dos que as padecen, atendendo as súas necesidades e as das súas familias.
Manuel Rego Collazo, presidente de ASEM Galicia, agradeceu ao Colexio e aos farmacéuticos de Pontevedra este premio en nome da asociación, que supón un respaldo á súa traxectoria de máis de 20 anos levando a cabo proxectos en beneficio das persoas afectadas por estas enfermidades raras.
Relacionadas:
-
Cando a ter unha enfermidade rara se suma a incerteza e a peregrinaxe en busca dun diagnóstico
Por Natalia Puga |
-
O Colexio de Farmacéuticos outorga a medalla de ouro ao mérito colexial a Luís Amaro Cendón
Por Redacción |
-
Os centros de saúde de Bueu, Marín, Poio e Vilaboa terán atención farmacéutica presencial
Por Redacción |
-
As farmacias de Pontevedra inician unha campaña para acabar coas receitas non oficiais
Por Redacción |